Pepa Vázquez, coordinadora de Boa Vida: "Na pandemia tivemos que comprar produtos de primeira necesidade para familias"
Por María José Pita & Mónica Patxot
A Asociación Boa Vida Inclusión Activa de Pontevedra vén de inaugurar unha nova ubicación para a atención ao público no número 12 da rúa Fernando II. O anterior local da chamada 'Oficina de Dereitos e Deberes Sociais' atopábase na rúa Álvaro Cunqueiro, conectada á tenda solidaria de Santa Clara, que sigue en funcionamento. Coas necesidades sanitarias da pandemia, que obriga a que todo material vido das doazóns pase por unha "corentena" e sexa debidamente hixienizado, o espazo da anterior oficina está a destinarse a estes usos.
En principio, o novo local de Fernando II estará operativo mentres dure a pandemia, aínda que os responsables da asociación non descartan poder ter continuidade nestas novas instalacións máis amplas. Para manter as súas liñas de traballo, contan cunha inxección económica que vén de aprobar a Xunta para financiar ata xuño de 2022 novos programas de atención ás persoas en risco de pobreza.
Estes días, o Instituto Nacional de Estatística está a dar a coñecer os datos da 'Enquisa de condicións de vida' referentes a 2019 cuns números preocupantes, que amosan que un 24,3% da poboación galega estaba en 2019 en risco de pobreza, o que supón un aumento de 33.000 persoas con respecto ao ano anterior. En total, son 655.000 persoas en Galicia en risco de pobreza ou exclusión social. "Os datos de 2020 aínda non saíron e prevese que haxa un repunte importante nos índices de pobreza" derivado das consecuencias da pandemia da covid-19, como indica Pepa Vázquez, a coordinadora da Asociación Boa Vida.
Desde Boa Vida tamén apuntan a unha situación inusual, xa que "na pandemia tivemos que comprar produtos de primeira necesidade para familias". Pepa Vázquez engade que se trata da primeira vez que a asociación asume este tipo gasto que, aínda que non se contempla dentro das súas actividades habituais, debido á necesidade urxente das familias que atenden, decidiron destinar parte do seu presuposto a mercar estes produtos: "complementar sobre todo na parte de produtos de hixiene e produtos frescos, nos que se detectou un déficit no reparto de alimentos, e sobre todo nos centramos nas familias que habitualmente atendemos e que nas catro primeiras semanas de confinamento non tiñan acceso ás compras, facíamos esa compra no supermercado e eles a recollían". Un labor no que se coordinaron con Cáritas e o Banco de Alimentos, dos que queren destacar o seu papel fundamental para dotar de alimentos ás familias máis vulnerables.
Na busca de puntos de colaboración entre as diferentes asociacións, o vindeiro sábado 17 de outubro, o Día Internacional da Loita contra a Pobreza, Boa Vida, Cáritas e Manos Unidas estarán presentes na praza da Peregrina, entre as 10:00 e as 13:00 horas, para destacar a importancia do voluntariado na loita contra a pobreza. Terán unha mesa informativa sobre as súas actividades especialmente destinada a recibir a todas aquelas persoas que queiran entrar nos seus programas de voluntariado.
Na actualidade, a Asociación Boa Vida atende a 152 persoas en risco de pobreza e exclusión social, fundamentalmente na cidade de Pontevedra, aínda que tamén conta con usuarios residentes en Poio e Vilaboa. Desde xaneiro deste 2020, manteñen dous programas activos na provincia de Ourense destinados á poboación do rural.
OFICINA DE DEREITOS E DEBERES
A nova oficina inaugurada na rúa Fernando II está aberta a todas aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade e precisen apoio ou asesoramento. Conta cun equipo de psicoloxía, traballo social, educación e integración social, xunto cos formadores puntuais en acompañamento psicosocial, terapia, itinerarios de inserción, orientación e asesoramento ou atención no duelo.
Outra área de traballo é a atención a persoas inmigrantes. Baixo o lema 'Galicia Acolledora', a entidade conta con servizos especializados en atención psicosocial e xurídica, mediación e formación en eidos como a obtención da nacionalidade, coñecemento do idioma galego e castelán ou a busca de emprego. Desde a asociación destacan un repunte no perfil da poboación inmigrante que demanda os seus servizos, cun aumento de persoas vidas dende Venezuela.
A coordinadora de Boa Vida, Berta Vázquez, destacaba a situación alarmante dun colectivo que ía sobrevivindo con traballos na economía somerxida, ao non ter papeis, pero coa pandemia, quedaron sen esa posibilidade de subsistencia. Neste senso, Vázquez apuntaba que non é certo que os inmigrantes consigan unha paga só por chegar ao noso país porque entre outras cousas "se non tes papeis non podes abrir unha conta bancaria" e para recibir unha axuda do Estado, precisamente hai que ter unha conta na que se faga o ingreso, nunca se entrega en man.
Relacionadas:
-
Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O PP mantén un encontro con colectivos de axuda social e demanda ao goberno local máis investimento nesta área
Por Redacción |
-
Boa Vida pide "rachar co guión" e apostar por agasallos solidarios no Nadal
Por Redacción |
-
Banco de Alimentos anuncia que a súa Gran Recollida será en formato online debido á pandemia
Por María José Pita |
-
Ence doa dúas máquinas para facilitar o traballo entre o voluntariado do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Os populares critican que hai catro meses que non se reúne a Comisión de Benestar Social
Por Oskar Viéitez |
-
A asociación Boa Vida cumpre 7 anos apoiando as persoas
Por Oskar Viéitez |
-
Boa Vida celebra o seu I Encontro Anual para sensibilizar á poboación sobre a pobreza
Por Almu Dapena |
-
Unha exposición mostra a reciclaxe como unha ferramenta de inclusión social e laboral
Por Redacción |
-
Boa Vida fai un chamamento para loitar este Nadal contra a pobreza
Por Redacción |