Boa Vida abre nova tenda solidaria: "Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda"
Por Mónica Patxot & María José Pita
A Asociación Boa Vida Inclusión Activa de Pontevedra vén de inaugurar hai apenas un mes unha nova tenda solidaria en Pontevedra, na rúa da Seca, número 3, onde o antigo local de Confecciones Story. Este establecemento dá continuidade á outra tenda que está en funcionamento na rúa Santa Clara.
A coordinadora da Asociación Boa Vida, Pepa Vázquez, explícanos que esta nova tenda xurdiu da necesidade de liberar o gran stock que tiñan de prendas de roupa que, con motivo da pandemia, atopaban moitas dificultades para distribuíla:
Tiñamos un extra de mercancía e coa pandemia, coas fronteiras pechadas, non tiñamos maneira de darlle saída como facíamos antes que vendíamos 17.000 quilos dunha tacada a distintos compradores. Entón decidimos poñer catro prendas por un euro e, cando buscamos un sitio para poñer en Nadal o rastro para poder vender esa mercancía, atopamos este espazo (na rúa da Seca, 3) e transformámolo nunha tenda permanente na que temos un pouco de todo e que combinamos coa tenda de Santa Clara.
Toda a mercancía está repartida por igual nas dúas tendas ou hai diferenzas en canto aos produtos?
A tenda da Seca sería máis tipo rastro e con venta de mobles, ao haber máis espazo. E os prezos son máis baixos, cunha calidade diferente. Por exemplo, na tenda de Santa Clara podes comprar un bo abrigo por 5 euros e aquí, na Seca, podes ter unha prenda por un euro, falamos de pequenas diferenzas.
Teño entendido que nesta tenda da Seca tamén hai unha zona destinada á atención aos usuarios, oficinas e voluntariado da Asociación.
Sí, é a 'Oficina de Dereitos e Deberes Sociais', que aínda estamos en proceso de rematar de instalarnos. Coa pandemia tivemos que trasladala por un tema de espazo á rúa Fernando II, porque o local que ocupaba tivo que ser destinado a almacén e zona de hixienización da roupa. En Fernando II xa pechamos e calculamos que nun ou dous meses, porque temos que adaptar un baño e facer obras menores, xa estará plenamente operativa nesta tenda da rúa da Seca.
Ademais da atención directa ás persoas que se achegan a pedir axuda a Boa Vida, en que proxectos estades a traballar?
Temos proxectos novos que empezamos en 2020. Como un proxecto de atención a inmigrantes na cidade, que antes só o tiñamos en Vilaboa e outro proxecto de atención á formación específica de formación na ESA e algunha acción máis que requería xa un equipo e un espazo maior, por iso este traslado.
Malia súa importancia para a integración e para ter un futuro laboral, a formación na ESA que impulsades é unha gran descoñecida para o público en xeral. Poderías explicarnos en que consiste?
A ESA é a Formación e Educación Secundaria de Adultos e Competencias Clave. É moi importante porque a xente que fixo a antiga EXB non pode facer a formación da SEPE actual se non ten feitas estas competencias clave, quedan fóra de todo o sistema formativo. Entón agora temos un grupo de xente que está formándose, e logo vai a Silleda a examinarse desas competencias clave para poder seguir continuando o seu proceso formativo ou ben sacar a Educación Secundaria de Adultos.
Como se financia a Asociación Boa Vida e como se presenta a situación ante a incerteza da evolución da economía?
Os proxectos que estamos levando están financiados polo Fondo Social Europeo e a Xunta de Galicia, tamén polo 0,7 do IRPF. É moi importante que agora que estamos na campaña da Renta se recorde que a xente marque a casilla de 'Outros fins de interese social'. Vai haber unha baixada importante desa financiación debido á crise da Covid, tanto para a Declaración da Renta de 2020 como a de 2021 prevese que eses fondos se reduzan bastante. É moi importante desta volta que se marque porque se non se fai o Goberno destina eses fondos ao que considere pero si se marca asegurámonos que se destina a fins sociais.
Cantas persoas formades parte de Boa Vida, entre voluntarios, usuarios e técnicos?
Voluntarios a 31 de decembro había 33, persoas con contrato agora están 5 a través da empresa de inserción, deles 4 a xornada completa e unha a media xornada, e en Boa Vida, na fase de prácticas e formación están 4 máis e logo os profesionais da oficina somos 7 técnicos que damos soporte para que todo iso vaia funcionando. En canto a usuarios, temos unha media de entre 200 e 250 persoas en activo, que ou ben están vindo a grupos, a algunha actividade, ou van e volven dependendo das circunstancias.
Entendo que hai tantas realidades como persoas que se achegan á Asociación pero, pode establecerse algún tipo de perfil de usuario?
Hai diversas realidades pero si podemos falar de moitas mulleres soas con fillos a cargo e máis persoas inmigrantes que xente de aquí. Temémonos que a xente de aquí xa non sae a pedir axuda, tarda moito, deteriórase moito. Invitamos sempre a que pidan axuda no primeiro mes que comezan a cobrar o paro, porque o desemprego e a inclusión non a sentimos; é como ese alcoholismo que cada día bebes un pouquiño e sen decartarte xa es alcohólico.
Por exemplo, estás en dificultade cando antes eras capaz de traballar, coidar dos fillos ou facer actividades diarias e agora o día que tes que ir ao médico ou ao Inem ou atender a un fillo, e en todo o día só podes facer iso. Cando empezas a ver que as túas capacidades se merman porque dudas de ti, porque levas un ano botando currículums e todo son negativas, entón iso dificulta a vida e crea moitos conflitos familiares e individuais. Por iso, antes de estar mal hai que pedir axuda. Aquí vas poder estar en contacto con outra xente que está na túa mesma realidade e iso é moi importante.
A SEGUNDA OPORTUNIDADE DE RABÏA
O caso de Rabïa Kourati é unha mostra de que cando a vida te golpea duramente en asociacións como Boa Vida pódese atopar unha saída.
"Yo llevo con la asociación casi 5 años, empecé como voluntaria cuando empezó una campaña de Navidad y después seguí con ellos. Ahora me contrataron dos años más y estoy muy contenta con este trabajo", explícanos Rabïa Kourati ao outro lado do mostrador dende o que atende ao público, fai caixa e etiqueta a roupa na nova tenda de Boa Vida.
Rabïa, nacida en Casablanca hai 42 anos, explícanos que o seu nome en marroquí significa "primavera" e que se pronuncia co acento no "i". Leva fóra da súa terra 22 anos e a súa vida é unha historia de superación. "A mí este trabajo me salvó mucho, me cambió la vida mía, porque yo antes vivía una vida un poco... tuve malos tratos de todo, y me dije yo no tengo salida, tengo que soportar estas cosas. Ahora con Boa Vida como tengo sueldo, ahora me encargo de los hijos, estoy contenta y estoy feliz gracias a Boa Vida", engade Rabïa, quen xa estivo dous anos traballando na tenda de Santa Clara.
Agora Rabïa encárgase da familia. O fillo maior, de 23 anos, xa se independizou e ela soa mantén aos outros tres: "otro chico de 19 años, una niña de 16 y el pequeñito de 12". Con todo, confesa que fuxir dos malos tratos é moi difícil para as mulleres marroquís pola gran cantidade de fillos ao seu cargo "por eso el trabajo es tan importante, hay que estudiar y trabajar", apunta á vez que volve a agradecer o labor de Boa Vida e anima a todas as persoas que o necesiten que contacten coa Asociación.
Relacionadas:
-
Boa Vida presenta a súa Escola de Verán cunha aposta pola formación política e social
Por Cristina Saiz & María José Pita |
-
Boa Vida, dez anos axudando a saír da pobreza e mellorar a sociedade
Por Redacción |
-
'Agasallas reciclado? Crea economía local', campaña de Nadal de Boa Vida
Por Redacción |
-
Boa Vida aposta pola formación para axudar as persoas a saír de situacións de vulnerabilidade
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Boa Vida recibe a visita do director xeral de Inclusión Social
Por Redacción |
-
As asociacións Xoán XXIII e Boa Vida celebrarán o Día do Libro
Por Oskar Viéitez |
-
"Na pandemia tivemos que comprar produtos de primeira necesidade para familias"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Boa Vida presenta as charlas inclusivas para "coller impulso para o curso escolar"
Por Almu Dapena |
-
En busca de 12.000 quilos de roupa e calzado para axuda social
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Recollida de sinaturas pola renda básica
Por Redacción |
-
Roupa e calzado para loitar contra a pobreza
Por Redacción |