Banco de Alimentos anuncia que a súa Gran Recollida será en formato online debido á pandemia
Por María José Pita
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo e Pontevedra presentaba este martes a Gran Recollida de Alimentos 2020, que se realizará a semana do 16 ao 21 de novembro.
Debido á situación sanitaria, a campaña non se poderá facer de modo presencial nos supermercados. Por este motivo, buscouse unha fórmula alternativa a través de doazóns económicas.
O proceso será o seguinte. As persoas que fagan a súa compra nos establecementos adheridos á campaña, ao pasar por caixa terán a posibilidade de facer nese momento a achega de 1€, 3€, 5€, 10€ ou 20€. Este importe aparecerá reflectido no ticket de compra como doazón aos Bancos de Alimentos que forman parte da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Posteriormente, con todas as achegas, cada supermercado encargarase da compra de alimentos e facela chegar ao Banco de Alimentos da súa zona.
Así mesmo, xa se atopa activa a posibilidade de adquirir cestas solidarias de alimentos de 10€, 20€ e 30€ a través da web: www.bancoalimentosvigo.org e realizar achegas de diñeiro a través do sistema BIZUM co código 01139.
Así o comunicaban este martes en rolda de prensa o presidente e vicepresidente da Fundación Provincial Banco de Alimentos, Pedro Pereira e Iván Martínez, acompañados polo máximo responsable da ONG en Pontevedra, José Luis Doval.
Pedro Pereira lembraba que "2020 está a ser un ano moi duro, pero o que vén será aínda peor" e aludía a datos preocupantes que indican que desde o inicio da pandemia aumentou nun 40% a demanda de axuda aos Bancos de Alimentos. Na súa sede puideron constatar casos de persoas que "tiñan un emprego perfectamente definido con entrada regular de diñeiro", que o perderon e en poucos meses, ao esgotar os seus aforros ou o paro víronse obrigados a recorrer ao Banco de Alimentos.
BANCO DE ALIMENTOS DE PONTEVEDRA
A Fundación Provincial Banco de Alimentos, creada en Vigo hai 25 anos e con delegación en Pontevedra desde 2014, repartiu na comarca pontevedresa ao redor de 350.000 quilos de alimentos ata o mes de outubro.
Desde a nave da rúa Faustino Santalices, a ONG atende xa a unhas 6.000 persoas vulnerables, a través dos 36 colectivos sociais cos que traballa.
Relacionadas:
-
Recollida "sen precedentes" do Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Os dentistas de Pontevedra doan material para a hixiene oral ao Banco de Alimentos
Por Redacción |
-
Situación "precaria" no Banco de Alimentos: andeis baleiros, cada vez máis demanda e sen operación Quilo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Na pandemia tivemos que comprar produtos de primeira necesidade para familias"
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Benestar impulsa un convenio co Banco de Alimentos para atender o incremento de familias en situación de necesidade
Por Redacción |