Vilaboa, sen comedores, Plan Madruga e actividades extra escolares: as Anpas renuncian e amosan a súa preocupación ante a volta ao cole
Por Redacción
Os escolares de Vilaboa comezarán o novo curso escolar 2020-2021 en setembro sen servizos de comedor, Plan Madruga nin actividades extra escolares. As tres Asociacións de Nais e Pais (Anpas) do municipio decidiron renunciar á súa organización ante a crise sanitaria e o complicado que resultaba organizar todos estes servizos cos protocolos actuais.
As Anpas O Toural, Riomaior e Os Pequenos do Cra, que representan a todos os centros de ensino obrigatorio de Vilaboa, puxéronse de acordo para adoptar a medida e xa lla anunciaron ás familias afectadas argumentando que que se viron na obriga de tomar a decisión "debido á sobrecarga de responsabilidades que lles supón o protocolo deseñado pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento destas actividades".
As asociacións explican que son responsabilidades que "caerían todas enriba das directivas das Anpas e sen ningún apoio por parte da administración" e critican que a Xunta de Galicia non contou coas familias nin coas súas representantes, as Anpas, para a redacción de ningún protocolo, nin se interesou en ningún momento polas necesidades das familias de Vilaboa de cara ao inicio do próximo ano escolar.
Os responsables das tres asociacións recoñecen que son conscientes do que suporá para moitas familias non ter estes servizos, pois "conlevará máis dificultades de conciliación" e suporá que terán que organizar "un complicado puzle" e que os coidados irán recaer maioritariamente nos avós, aumentando desta maneira o risco de contaxio pola Covid-19 en persoas de maior risco. En todo caso, consideran que é responsabilidade da Xunta de Galicia garantir o dereito ó ensino e á conciliación familiar o mesmo tempo, dotando de medios físicos e económicos as escolas
Ademais, engaden que, unha vez que a Xunta non dotou de máis profesorado as escolas de Vilaboa, para garantir unha ratio menor por aula, as direccións dos centros tiveron que reorganizar as instalacións para diminuír o risco de contaxio e propagación da Covid-19, organizando unidades de convivencia, quendas para o patio e redución de espazos comúns e que se as Anpas organizaran actividades nas que se mesturasen escolares de diferentes unidades de convivencia estarían a "boicotear o grande esforzo da escola".
As familias amosan a súa "preocupación" ante a volta dos nenos ás aulas e tamén a súa "solidariedade e apoio" ás direccións da escolas, xa que este ano "terán que soportar en solitario unha situación que nunca antes existiu como tal" xa que a Xunta de Galicia "trasladou todas as responsabilidades da organización do curso nesta persoas".
Relacionadas:
-
RADIO.- Inicio do curso escolar: "O problema non vai estar nos centros educativos, está fóra"
Por Marisa Ciordia |
-
Pérez Ares, xefe territorial de Educación, revisa o protocolo anticovid no CEIP de Tenorio
Por Redacción |
-
A FANPA avisa que o tempo para negociar "estase esgotando" e mantén a suspensión dos comedores escolares
Por Diego Espiño |
-
Tino Fernández insta a Feijóo a buscar "xa" un acordo co Concello para a limpeza dos colexios
Por Redacción |
-
Rogelio Carballo, presidente da Fanpa Pontevedra, aclara que a apertura de matrículas dos comedores escolares só é estimativa
Por Anxo Lourido |
-
A Fanpa abrirá o 10 de agosto o prazo para a inscrición nos comedores escolares
Por Redacción |