O 'Verán Cultural' da Lama, suspendido para evitar focos de contaxio
Por Redacción
O Concello da Lama agardou ata o último momento para tentar atopar solucións de máxima garantía e seguridade sanitaria para as actividades do 'Verán Cultural', pero finalmente decidiu este ano suspender toda a programación ante a necesidade de previr calquera foco de contaxio da Covid-19.
O alcalde, Jorge Canda Martínez; o concelleiro de Cultura e Deportes, Dani Vidal, e o tenente de alcalde, David Carrera, deron a coñecer este xoves que tentaron refacer o calendario festivo e as actividades que máis demanda a cidadanía nestes días de verán, pero ante a previsible masificación e a imposibilidade de garantir o distanciamento social decidiron cancelar todo o programa.
As actividades suspendidas son, entre outras, a Festa do Río Verdugo, a romaría da Terceira Idade en As Ermidas, concertos de bandas de música, teatro de humor, festa infanfil, teatro musical, Cinema na Rúa e o tradicional paseo en piragua en colaboración co Club de Piragüismo Vilaboa.
Tamén queda en suspenso o concerto que se tiña previsto celebrar en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o seu programa Musigal, así como o tradicional Torneo Fútbol Base do Reencontro no que participaban equipos combinados de nenos que viven practicamente todo o ano no estranxeiro e rapaces que residen no municipio.
A intención do equipo de goberno é ver a evolución do proceso derivado da Covid-19 coa intención de atopar unha data para poder recuperar a celebración da Festa do Codillo que tradicionalmente se viña celebrando no mes de maio e que tivo que ser suspendida.