#NonNosCanceles, chamada de atención do mundo da cultura para pedir axudas ante a crise do sector
Por Anxo Lourido
Utilizando o cancelo #NonNosCanceles, o mundo da cultura en Galicia decidiu trasladar ás redes sociais desde este 6 de abril unha demanda pública para solicitar axudas económicas ás distintas administracións e que se teña en conta a este sector que abarca por centos de profesionais relacionados coa música, a escena, a programación cultural ou a área audiovisual.
Persoas como Pilar Portela, xerente do Pazo da Cultura de Pontevedra; a organización do FICBUEU; compañías de teatro como Chévere; artistas, músicos, escritoras como Montse Fajardo e profesionais do ámbito cultural están a sumarse a esta campaña reivindicativa.
Marcos Rivas, xerente da Sala Karma e promotor de actividades culturais, lembra que moitos dos profesionais como, entre outros, técnicos de son, de iluminación ou de carga son freelance, traballadores autónomos, que en ocasións o que gañan nos meses de primavera e verán é o que lles permite sustentar a súa economía anual.
"Nas medidas do Goberno non se contempla a este sector", indica Marcos Rivas, que si sinala que as asociacións da actividade cultural lograron establecer unha mesa de diálogo coa Consellería de Cultura para analizar a situación pero sen obter solucións concretas.
Si lles anunciaron, desde a Xunta de Galicia, que os grandes concertos previstos con motivo do Ano Xacobeo son "inviables", afirma Rivas, que entende a situación como promotor de eventos ante a incerteza que existe en relación coa volta á actividade e as condicións que se establecerán ao longo dos próximos meses. "Os catro grupos internacionais que tiñamos programados para a Sala Karma este ano imos trasladalos a 2021 se poden vir, pero eu este ano non vou traballar con ninguén de fóra de Galicia", afirma.
Marcos Rivas, promotor de actividades culturais: "O Surfing the Lérez na Illa das Esculturas xa vai ser inviable"
Marcos Rivas alerta de que xa leva cancelados máis de 20 concertos e un festival. Pero ademais mostra a súa preocupación en relación a eventos como o Surfing the Lérez. "Na Illa das Esculturas xa vai ser inviable" laméntase e engade que tampouco é posible saber en que datas poderase celebrar un festival que é todo un referente cultural desde un punto de vista familiar.
No seu caso xa tivo que pechar a oficina, traballa desde casa pero apunta a que, por exemplo, coa cancelación do Galegote Rock, que se desenvolvía ao longo do mes de abril, a cidade de Pontevedra perdeu unha importante actividade cultural que ía ter visibilidade en prazas e rúas pero ademais, cinco técnicos de son, outros cinco produtores, un ilustrador que xa realizara os deseños de cartelería, perderon o seu traballo.
Este empresario pontevedrés tampouco atopa moitas posibilidades de retomar nun futuro a curto ou medio prazo a actividade habitual na Sala Karma. "Eu non podo permitirme o luxo de facer un concerto de 150 persoas, é inviable por seguridade e por todo", alega indicando que este local situado en Riestra presenta unhas características que #ante calquera protocolo anticontaxio fará difícil a apertura da sala. "Os sábados traballaban alí nove ou dez persoas", lembra.
En todo caso, Marcos Rivas así como outras persoas vinculadas á actividade cultural, musical e artística de Pontevedra, están a traballar en novas ideas. "Temos moito tempo para pensar", apunta, "e moitas empresas estamos a falar entre nós e estamos a pensar en alternativas" co obxectivo de que a cultura en Galicia non quede sen alento por culpa do COVID-19.