Pontevedra cederá ao Sergas a Casa de Cultura de Ponte Sampaio como solución "transitoria"
Por Alejandro Espiño
A situación do consultorio de Ponte Sampaio, sen médico desde hai meses, levou ao Concello de Pontevedra a propoñer ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) a cesión provisional da Casa de Cultura da parroquia para que de forma "transitoria" se poida habilitar nela a consulta do facultativo.
Así o anunciou este luns a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que mostrou o seu apoio aos veciños que se estiveron mobilizando para denunciar a falta do médico no centro de saúde que existe en Ponte Sampaio.
O Concello, segundo a súa portavoz, demandou ao Sergas en varias ocasións, a última esta mesma mañá, a reincorporación do médico e que as autoridades sanitarias non dean máis "falsas escusas". O regreso do facultativo é cuestión de "vontade", engadiu Gulías.
Se o problema é de espazo, reiteran desde o Concello, a administración municipal cederá a Casa de Cultura, onde xa estivo situada a consulta do médico, para que se poida restituír o servizo de maneira "inmediata".
Ademais, instan ao Sergas para facilitar os requirimentos técnicos necesarios para buscar unha solución "definitiva" a esta cuestión e poder ofrecer un "abano de posibilidades" para ampliar o actual consultorio da parroquia.
"Dá máis a sensación de que non interesa que o médico volva a Ponte Sampaio e non que sexa un problema técnico", defendeu Anabel Gulías.
O Concello non pechou a porta para ceder a biblioteca da parroquia ao Sergas, pero para iso "dependemos de que nos envíen os criterios técnicos", sinalou a portavoz municipal.
Relacionadas:
-
Velorio en Ponte Sampaio para escenificar "a morte da sanidade pública" na parroquia
Por Redacción |
-
O Concello acusa o Sergas de "dilatar" o regreso do médico a Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |
-
A xerencia do CHUP insiste en pedir a biblioteca de Ponte Sampaio ao Concello para normalizar a atención primaria na parroquia
Por Redacción |
-
Concentración veciñal para reclamar servizo médico en Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
Ponte Sampaio concéntrase para reclamarlle ao Sergas o retorno do médico ao consultorio da parroquia
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Ponte Sampaio sae á rúa para esixir o regreso do médico ao centro de saúde
Por Redacción |
-
O PP súmase á petición do Sergas e reclama ao Concello que ceda o edificio anexo ao consultorio de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O Sergas só devolverá o médico ao consultorio de Ponte Sampaio se o Concello lle cede o edificio anexo
Por Redacción |