Os pontevedreses só se moven a Marín, Poio e dentro do seu municipio durante a corentena
Por Manu Otero
Desprazamentos curtos e só necesarios. A maioría dos pontevedreses cumpren a machada coas ordes de confinamento. Así o demostra un informe publicado polo Instituto Nacional de Estatística que recolle os principais fluxos de movemento de persoas desde que se decretou o estado de alarma. De media, só un 10 % da poboación de Pontevedra sae en horario laboral do seu distrito de residencia, un dato que contrasta co 25 % que adoitaba facelo antes da corentena.
Para elaborar este estudo, os técnicos de INE recompilaron datos procedentes da análise da posición de máis do 80 % dos teléfonos móbiles de toda España, para o que contaron coa colaboración dos tres principais operardores de telefonía móbil do país. A análise, que podes consultar nesta ligazón, céntrase no estudo da mobilidade da poboación durante o estado de alarma e ofrece datos desde o 16 de marzo cada dous días e a partir do 31 de marzo, datos diarios.
Nun día calquera da corentena, saen das súas áreas de residencia ao redor de 10.000 pontevedreses sendo o seu principal destino Poio, Marín ou outros lugares dentro do propio termo municipal. Con todo, en zonas do interior do concello destacan os desprazamentos a municipios veciños como o de Barro ou Cotobade.
Antes do decreto do estado de alarma, o abanico de destinos laborais dos pontevedreses era moito máis amplo e o volume de saídas, máis numeroso. En función do distrito, entre o 25 e o 30 % da poboación abandonaba o seu lugar de residencia para ir ata Marín ou Poio principalmente, pero tamén a Vigo, Vilagarcía, Vilaboa, Ponte Caldelas ou Cotobade.
O fluxo de chegadas tamén se viu mermado. A Pontevedra só chegan agora veciños de Poio, Marín, Cotobade ou Barro, nesa orde. Nin rastro dos traballadores ou visitantes que chegaban a miles desde Sanxenxo, Vilaboa, Cotobade, Vilagarcía, Ponte Caldelas, Bueu, Vilaboa, Soutomaior, A Lama ou Forcarei. Das máis de 22.500 chegadas diarias que experimentaban as estradas pontevedresas, só se manteñen preto de 7.000, das que 4.400 corresponden ao movemento interno de veciños entre diferentes zonas do municipio.
Nos concellos veciños como Poio ou Marín o fluxo de persoas tamén se viu mermado. O 32 e o 20 % da poboación adoitaba saír destes municipios para traballar, mentres que agora só fano o 18 e o 10 %.
Relacionadas:
-
Marín suprime o pago de impostos a comercios e locais de hostalería durante o estado de alarma
Por Redacción |
-
Máis do 90% da poboación de Caldas de Reis non abandonou o municipio durante a última semana de confinamento
Por Redacción |
-
Telmo Martín confía en que ninguén se desprace a Sanxenxo en Semana Santa para facer uso da súa segunda vivenda
Por Redacción |
-
O Goberno endurece o illamento e suspende todas as actividades "non esenciais"
Por Alejandro Espiño |