O Rotary doa 20 tablets para que enfermos de Montecelo illados por coronavirus contacten coas súas familias
Por María José Pita
Durante as últimas xornadas sucédense as noticias sobre doazóns de máscaras e material sanitario. Este venres, a entrada do Hospital Montecelo foi o escenario dunha inusual doazón: tablets para os enfermos de coronavirus.
O presidente do Rotary Club Pontevedra facía entrega ao persoal do centro de 20 tablets compradas coas achegas dos socios pontevedreses. Desde a área Sanitaria de Pontevedra, acudían a recibilas o xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, José Ramón Gómez Fernández, e o subdirector, Jorge García Borregón.
Estas tablets serán distribuídas entre aqueles pacientes que, pola infección do Covid19, deban permanecer ingresados e illados no Hospital Montecelo, para que deste xeito poidan permanecer en contacto cos seus seres queridos e facer máis levadío o seu illamento.
E por que se doaron tablets? Segundo nos comenta Sindo López Argibay, o presidente do Rotary Club Pontevedra, "buscabamos unha maneira de axudar nesta situación e pensamos que mellor preguntar a quen máis sabe neste momento, ás autoridades sanitarias, e a idea das tablets déronnola eles. Dixéronnos que sería estupendo ter un medio para que as persoas que estean illadas polo coronavirus poidan falar coas súas familias".
Unha vez definido onde investir as achegas dos rotarios pontevedreses, presentouse unha segunda cuestión. "Foi complexo para os que non coñecemos o tema. Cal é a tablet adecuada? Tivemos que facer, digamos, unha criba tecnolóxica".
Porque non só se buscaba axudar os enfermos de coronavirus nesta situación excepcional senón que as tablets "sigan tendo unha vida útil no futuro" e que os pacientes da área sanitaria de Pontevedra de calquera patoloxía que as demanden poidan ter esta axuda tecnolóxica para facer máis levadía a súa estancia hospitalaria. Para todo este proceso, o Rotary contou coa colaboración do Grupo Froiz.
Esta foi a primeira entrega. Desde o Rotary xa se está traballando en poder facer unha nova doazón. Previamente consultarán co Sergas sobre que se necesita, xa sexan tablets ou calquera outro produto.
Relacionadas:
-
O Rotary Club repite doazón de 20 tablets para enfermos illados de Montecelo
Por Redacción |
-
O comedor de San Francisco amplía os días de servizo ante o aumento de usuarios
Por Almu Dapena | Creada e actualizada
-
Construcciones Ramírez doa unha tonelada de alimentos ao Comedor de San Francisco
Por Oskar Viéitez |
-
A farmacia Muíños de Caldas doa material para confeccionar máscaras hixiénicas
Por Redacción |
-
Funeraria San Marcos doa 'smartphones' para que ingresados en Montecelo poidan facer videochamadas ás súas familias
Por Redacción |
-
ADOS agradece aos doantes que sigan mantendo o seu xesto solidario nestes momentos
Por Redacción |
-
Os particulares solidarios suman doazóns de material profiláctico en Pontevedra
Por Redacción |
-
Nova doazón do Grupo Pomasa á sanidade pontevedresa: 65 traxes químicos
Por Manu Otero |