Nova doazón do Grupo Pomasa á sanidade pontevedresa: 65 traxes químicos
Por Manu Otero
"Estamos a buscar cousas que poidan ser útiles porque total o noso ano xa non vai ser bo, así que que máis nos dá perder un pouco máis".
É a xustificación de Máximo Sánchez, socio de AC&C, unha empresa do grupo Pomasa, para explicar a segunda doazón de material de seguridade que fan ao Hospital Provincial en só unha semana. E non será a última. "Haberá algunha cousa máis, depende do que necesiten e o que haxa no mercado", confesa.
A finais da semana pasada entregaron 110 EPIs, traxes de seguridade dun só uso, para os profesionais do Sergas en Pontevedra. "A min non me gustan as cousas que só son dun só uso", recoñece Sánchez, que xunto aos seus socios, seguiu contactando cos seus provedores habituais en busca de materiais de mellor calidade.
Así deron cun lote de 65 traxes químicos que permiten operar con plena seguridade aos profesionais, tanto ante a crise do coronavirus como á hora de manipular calquera outro tipo de material nocivo para a saúde. "Pódense lavar e duran moito máis tempo", detalla.
E o lote ía ser aínda maior, pero a última hora o vendedor tivo que reducir a cantidade pola necesidade de empresas de limpeza que buscaban tamén estes materiais para realizar o seu traballo en centros sanitarios e de atención ao público.
"Nós fomos a compralos aos sitios onde os venden, a empresas locais. A min non me parece ben que se requisen materiais porque ao actuar así os almacéns din que non os teñen", opina o empresario sobre a potestade do Estado para intervir mercadorías durante o estado de alarma.
As razóns polas que os socios de AC&C e Pomasa entregaron esta mercadoría no Hospital Provincial é sinxela, "por proximidade", sostén Sánchez. "Ás veces ata que o tes preto, non te dás conta do que sucede", reflexiona o emprendedor facendo referencia á experiencia dun familiar directo que traballa neste centro e os mantén ao día da escaseza de medios coa que teñen que lidar actualmente os profesionais da sanidade.
Polo momento este centro sanitario aínda non ten enfermos por coronavirus nas súas habitacións, "pero Montecelo empeza a estar cheo e terán que baixalos ao Provincial", supón Sánchez. "Nós deixámolos alí e logo xa os moverán onde sexa necesario", matizaba hai uns días o seu socio Julio Preciado.
O Cisne e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz, equipos aos que patrocinan as empresas do Grupo Pomasa, xa coñecían o espírito solidario destes empresarios pontevedreses que acoden agora á chamada de axuda que están a lanzar os profesionais sanitarios de todo o país.
Relacionadas:
-
Empresas das provincia solicitaron á CEP ata medio millón de máscaras de protección
Por Redacción |
-
A farmacia Muíños de Caldas doa material para confeccionar máscaras hixiénicas
Por Redacción |
-
O Rotary doa 20 tablets para que enfermos de Montecelo illados por coronavirus contacten coas súas familias
Por María José Pita |
-
Os particulares solidarios suman doazóns de material profiláctico en Pontevedra
Por Redacción |
-
A fábrica de mobles Pomasa doa 110 equipos de protección individual ao Hospital Provincial
Por Manu Otero |