Seis de cada dez participantes no EmpregaMarín conseguiron un contrato laboral
Por Redacción
Máis do 60% das persoas que participaron na quinta edición de EmpregaMarín, o programa integrado de emprego que ofrece o Concello de Marín, conseguiron incorporarse ao mercado laboral cun contrato de traballo.
Das cen persoas beneficiarias, sesenta homes e corenta mulleres, 66 conseguiron un contrato laboral, segundo informa o goberno municipal. Un deles desenvolveuse por seis meses no Reino Unido, nun centro de atención a persoas maiores.
Durante a duración do programa, contactouse con 63 empresas e xestionáronse 112 ofertas de traballo, ás que se lle enviaron ata 249 currículos.
O programa demostrou, din desde o Concello, o éxito que ten e o útil que resulta para aquelas persoas que están na procura dun posto de traballo. O plan está destinado precisamente para desempregados que busquen activamente emprego, de menos de 30 anos e con baixa cualificación.
Durante o programa, cada usuario realiza un mínimo de cinco accións individuais, que poden ser entrevistas de acollida, de orientación laboral, formacións para mellorar os métodos de procura activa de emprego ou habilidades sociais ou realizar reunións de asesoramento e seguimento de proxectos individuais.
A nova edición do EmpregaMarín xa arrancou a pasada semana coa fase de preselección dos cen usuarios do novo programa, que pasará a chamarse Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín.
Desta vez, o perfil que pode optar a participar do programa amplíase, xa que teranse en consideración tamén aos parados de menos de 30 anos que teñan alta cualificación.
A Xunta de Galicia ofrecerá ademais este ano un incentivo económico que ata o momento se reducía ás axudas de desprazamento. Desta vez, cada acción do programa á que asistan os participantes seralles remunerada con cinco euros.
Relacionadas:
-
Marín embárcase nunha nova campaña de emprego
Por Redacción |
-
Seleccionados os participantes do Programa Integrado de Emprego de Marín
Por Redacción |
-
O plan integrado de emprego EmpregaMarín crece ata os cen participantes
Por Redacción |
-
Marín selecciona menores de 30 anos para un programa de formación laboral
Por Redacción |