Seleccionados os participantes do Programa Integrado de Emprego de Marín
Por Redacción
Preto dun cento de persoas participarán na convocatoria 2019-2020 do Programa Integrado de Emprego do Concello de Marín.
Segundo informou o goberno local, nesta edición do programa ampliouse o perfil dos participantes sumando usuarios cualificados ao perfil de menores de 30 anos con baixa cualificación.
Trátase dunha iniciativa, asegura o Concello de Marín, que "leva colleitando éxitos nas súas últimas edicións", poñendo de exemplo a convocatoria recentemente finalizada na que se conseguiu máis do 60% de inserción laboral contactando con 63 empresas e xestionando 112 ofertas de traballo, ás que foron enviados en total 249 currículos.
O programa supón un investimento de 250.000 euros, 200.000 dos cales son achegados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Nestes momentos está a procederse á selección dos dous técnicos que se encargarán da xestión e o deseño das accións formativas específicas desta edición. Unha vez estea finalizado este trámite, os seleccionados serán convocados individualmente para valorar o seu nivel formativo e a súa experiencia laboral, co fin de orientar mellor os módulos do programa.