Marín embárcase nunha nova campaña de emprego
Por Redacción
O salón da biblioteca de Marín acolleu este venres o acto inaugural da nova edición do Programa Integrado de Emprego do Concello, que ten como obxectivo dar unha oportunidade de inclusión no mundo laboral a través da formación a todos os seus participantes. O axente de emprego municipal, Alfredo Montero; e o tenente de alcalde, Manuel Santos, foron os encargados de dar a benvida aos beneficiarios.
"Trátase dun programa que podedes aproveitar moito", declarou o concelleiro despois de resaltar os éxitos e os bos índices de incorporación ao mercado de traballo de edicións anteriores.
Despois desta xornada, cada un dos participantes serán entrevistados polas técnicas de emprego de forma individual para coñecer a situación actual a nivel académico e laboral co fin de facer unha panorámica xeral do grupo e deseñar as opcións de formación que mellor se adapten a todos. Ademais, desde o programa exercerán de intermediarios para poñer en contacto ás empresas cos demandantes de emprego.
Son cen as persoas que participan nesta edición, que supón un investimento de 250.000 euros achegados na súa maioría pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.