Cuntis esixirá á Xunta que manteña o servizo de matrona no centro de saúde local
Por Redacción
O Concello de Cuntis fíxose eco este domingo da denuncia realizada nos últimos días polo sindicato de enfermería Satse, que alertou do risco da perda do servizo de matrona no centro de saúde da localidade, como xa ten ocorrido en municipios veciños como o de Moraña ou Barro. O alcalde, Manuel Campos, lamenta que "os recortes da Xunta en materia sanitaria ameazan outra vez os servizos dos cuntienses".
Desde o goberno local manifestan que non están dispostos a perder un servizo de tanta importancia para as súas veciñas e esixirán á Xunta o mantemento deste tipo de atención no seu centro de saúde.
O rexedor subliña a importancia que ten para as súas veciñas este tipo de atención, que, de perdela, obrigaría ás cuntienses a desprazarse a centros de saúde doutros municipios para recibir as atencións sanitarias que merecen.
Desde o Concello súmanse ás reivindicacións do sindicato Satse, que pide a ampliación de matronas e matróns para ofrecer as atencións sanitarias para as que están formadas e que, pola excesiva carga de traballo, non poden levalas a cabo.
Segundo o sindicato, Galicia atópase á cola do país no ratio de matronas por habitante, con só 0,12 profesionais por cada mil habitantes.
Desde este sindicato alertan sobre a situación que se rexistra en toda a área sanitaria norte de Pontevedra, onde indican que se "amortizou" un número importante de matronas tras as xubilacións das profesionais que exercían este cargo. É o caso de Meis, Moraña, Tenorio ou Barro, segundo SATSE.