Alertan da redución de matronas na área sanitaria de Pontevedra
Por Redacción
O Sindicato de Enfermería SATSE, con motivo da celebración este 5 de maio do Día Internacional da Matrona, denuncia as carencias do sistema sanitario en relación á saúde sexual, reprodutiva e maternal cunha media en Galicia que só alcanza os 0,12 profesionais deste servizo por cada mil habitantes.
Desde este sindicato alertan sobre a situación que se rexistra na área sanitaria norte de Pontevedra onde indican que se "amortizou" un número importante de matronas tras as xubilacións das profesionais que exercían este cargo. É o caso de Meis, Moraña, Tenorio ou Barro, segundo SATSE.
Pero ademais poñen o acento de que Cuntis corre o perigo de quedar sen matrona a finais deste mes de maio. Ante esta situación, tamén denuncian que hai profesionais que se ven obrigadas a desprazarse para atender a mulleres en seis concellos distintos. Noutros casos, son as pacientes as que se teñen que desprazar a un Centro de Saúde distinto ao que lles corresponde para poder ser atendidas. Desta forma, o Sindicato de Enfermería sinala que, por exemplo, en Bueu existe unha importante demanda asistencial e só dispón de servizo de matrona tres días á semana.
SATSE lembra á administración que a matrona é unha profesional cualificada, fundamental para o cribado universal de cancro de cérvix para mulleres con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos, que foi aprobado recentemente polo Goberno.