Cuntis mobilízase para manter a atención da matrona no municipio
Por Redacción
A xunta de portavoces do Concello de Cuntis celebrada este martes aprobou por unanimidade o envío dunha carta ao xerente de Atención Primaria do Sergas na que reclaman o mantemento do servizo de atención da matrona no centro de saúde.
A inminente xubilación da enfermeira titular da praza fai perigar a continuidade deste servizo en Cuntis.
A iniciativa do grupo municipal de Veciñanza, todos os portavoces asinaron un escrito no que solicitan a substitución da matrona tan pronto como se faga efectiva a xubilación e a contestación por escrito sobre os plans do Sergas acerca da situación deste servizo no centro de saúde do municipio.
En Cuntis existe unha certa preocupación polo ocorrido en municipios próximos nos que o Sergas decidiu amortizar ou deixar vacante a praza de matrona tras a xubilación das traballadoras.
Por iso, desde a corporación municipal decidiron anticiparse e pedir ao Sergas que aclare as súas intencións antes da xubilación para tomar as medidas oportunas.
A perda deste servizo de Atención Primaria, lembran desde a corporación municipal, obrigaría ás veciñas de Cuntis a desprazarse a outros municipios para recibir a atención que precisan co consecuente prexuízo de tempo e diñeiro que iso conleva.