As avoas son as superheroínas e as fouciñas a súa arma contra o machismo
Por Olaya Madrigal
A campaña gráfica arredor do 8M do Concello viu a luz na mañá deste mércores. Carmen Fouces, concelleira de Cultura, amosou o seu agrado co resultado da mesma "é o que fai falta no momento necesario".
A campaña está a cargo do recoñecido humorista gráfico Luis Davila, con "Dora a Desbrozadora" como protagonista.
Dora representa "á mítica avoa galega" co seu mandil de cadros e pañoleta. É "unha muller valente e pouco impresionable" e representa "o espírito das mulleres e nais loitadoras". Trátase dunha superheroina galega, coa súa bata e pañoleta a modo de traxe, que busca a igualdade definitiva para as mulleres. Dora está desbrozando e desbroza todo tipo de inxustizas sociais.
Como elemento gráfico distintivo e novedoso, o símbolo feminista aparece modificado para adaptarse á forma dunha fouciña, a poderosa arma das avoas contra o patriarcado, algo dun simbolismo profundo e que promete quedarse entre nós longamente. A mensaxe péchase coa inquisición que fai a muller á lectora: "Moza! Fai coma min e desbroza!" mentres sustenta a fouciña triunfante contra as silveiras que atrancan, onde se le a palabra "Machismo". A ilustración convida a imitar á protagonista e levantar as armas contra as inxusticias machistas, ás que hai que cortar de raíz.
O día 8 de marzo repartiranse chapas coa ilustración do cartaz nas Prazas da Peregrina e da Ferrería, nun día que se espera sexa festivo e reivindicativo, como ten sido nos últimos anos.
En caso de querer asistir á manifestación do 3 de marzo en Lugo, a mobilización que servirá como imaxe do movemento feminista galego, o Concello pon a disposición un bus gratuito no que aínda quedan algunhas prazas. Para solicitalo, é preciso poñerse en contacto coa concellería de Igualdade. Os horarios de saída están previstos para as 8.30 na Capela de San Roque e ás 8.45 no Mercado de Abastos. A volta está prevista para as 16:00.
Carmen Fouces anunciou tamén a disposición dunha dotación da Policía Local no Concello, destinada a solucionar eventualidades que se poidan dar no transcurso do Entroido. Fai, en nome do Concello, un chamamento a todo o mundo a que goce das festas pero tendo presente, máis que nunca, que as agresións sexistas, machistas e sexuais teñen que desaparecer da nosa forma de relacionarnos. Pide tamén a colaboración do público en caso de ser testemuña dun suceso desta índole, poñéndose en contacto coa dotación do Concello ou con calquera das patrullas policiais que se encontrarán polas rúas.
Relacionadas:
-
Unha pancarta no Pazo Provincial anima a secundar a folga feminista do 8M
Por Almu Dapena |
-
Un Entroido feminista: Daenerys Targaryen e Defred son dúas das peticións de disfraces máis recurrentes
Por Olaya Madrigal & Victoria Regueira |
-
Mandís pola igualdade para chamar á folga feminista do 8M desde as xanelas de Poio
Por Redacción |