Edugal 2019 contará coa intervención da microbióloga Alicia Estévez Toranzo, premio Wonenburger
Por Redacción
Alicia Estévez Toranzo, catedrática de Microbioloxía e directora do Grupo de Patoloxía en Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), asistirá á edición de 2019 de Edugal, o Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia, que se vai desenvolver no Recinto Feiral de Pontevedra entre o mércores 27 e o 1 de marzo.
A prestixiosa microbióloga confirmou a súa asistencia a este evento centrado no mundo do ensino coa idea de compartir co estudantado a súa experiencia e a súa traxectoria como científica con vocación STEM - Sciencia (Ciencia), Technology (Tecnoloxía), Engineering (Enxeñaría) and Maths (Matemáticas) -, un novo modelo de aprendizaxe baseado na formación nas catro disciplinas de forma integrada e non de maneira separada.
Alicia Estévez Toranzo é licenciada en Bioloxía e Farmacia, ademais de catedrática de Microbioloxía desde 1991. Os seus principais traballos de investigación en acuicultura analizan a caracterización molecular de patóxenos de peixes e a quimioterapia e a vacinación no ámbito da Acuicultura. Foi recoñecida polo Pleno da Unidade de Muller e Ciencia co Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018, promovido pola Xunta de Galicia, no que se destaca o labor de mulleres nos sectores da tecnoloxía e da ciencia. Neste caso, a microbióloga promoveu unha ducia de patentes de vacinas ao longo da súa ampla carreira para previr enfermidades en peixes, principalmente no rodaballo e na troita.
A súa intervención en Edugal 2019 está promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade e vai levarse a cabo o xoves 28 de febreiro ás 12.00 horas no Recinto Feiral. A entrada ao Salón e tamén a esta charla, que levará por título 'Impulsando as Vocacións STEM: Experiencia e traxectoria dunha científica Premio Wonenburger' é gratuíta.
Relacionadas:
-
A científica Alicia Estévez Toranzo impulsa a vocación feminina cara á ciencia e á tecnoloxía
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Reclaman unha titulación sobre creación de videoxogos para o campus de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Edugal abre as súas portas para ofrecer ao estudantado as posibilidades formativas do futuro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Edugal incluirá un torneo de LOL e unha exhibición de Fortnite
Por Oskar Viéitez |
-
Edugal pecha as portas da súa edición máis visitada
Por Redacción |
-
Edugal, un punto de encontro para averiguar que queres ser de maior
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |