Edugal, un punto de encontro para averiguar que queres ser de maior
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Baixo o lema xeral 'De maior quero ser', o salón da oferta de educación e formación de Galicia (Edugal) mostrará durante toda a semana no Pazo da Cultura de Pontevedra un amplo abano de posibilidades formativas e saídas profesionais que existen en Galicia para as persoas novas que se están formando e para os maiores que queiran ampliar a súa preparación.
O salón inaugurouse este mércores 7 de marzo e durará ata o vindeiro venres 9 ofrecendo aos asistentes un total de 50 casetas con información e exemplos de ofertas tan variadas como a Escola de Cantería da Deputación Provincial de Pontevedra, o centro Santa Apolonia de Santiago, os centros educativos da Universidade de Vigo -que reforzou a súa presenza- ou as Forzas Armadas españolas.
Precisamente, na mañá deste mércores, día en que abriu as súas portas, a caseta que máis público tivo foi o das Forzas Armadas, no que o xefe de recrutamento da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, o capitán de fragata César Barros, explica que se expón aos visitantes "la oferta formativa" que teñen e que está "integrada en el sistema educativo".
Outro dos centros que máis chamou a atención foi o centro Santa Apolonia, pois unha das responsables da caseta, Eva María del Campo, explica que ofrecen especialidades que non hai en ningún outro centro de Galicia, como ortoprótese, e outras que adoitan resultar moi rechamantes para os máis novos, como anatomía patolóxica.
A inauguración oficial contou coa participación da directora do salón, Conchi Pereiro; o presidente de Aempe, José María Corujo; a concelleira de Educación en Pontevedra e a deputada provincial da área, Carmen Fouces e Digna Rivas; o director xera de Centros da Xunta de Galicia, José Manuel Pinal; e o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa.
A responsable de Edugal mostrou o seu desexo de que o maior número de mozos visiten o salón esta semana "poidan atopar cal vai ser o seu futuro formativo para poder dar o salto ao mundo laboral", pois terá ante eles unha oferta variada de casetas na que está representada "a gran totalidade dás opcións que tes de educación e formación dentro de Galicia".
A concelleira de Educación, anfitrioa nesta sétima edición de Edugal, destacou que se trata dun "escaparete magnífico para exhibir o que significa a educación neste país", desde as novas titulacións ás novas profesións nas que os mozos aínda están a empezar a formarse.
Fouces, do mesmo xeito que José María Corujo, ten grandes expectativas de asistencia, pois "ano tras ano vai aumentando o número de asistentes á feira". Na edición de 2017 a cifra de asistentes rozou os 5.000 e na primeira xornada deste mércores o recinto xa estivo "bastante concorrido".
José Manuel Pinal destaco que se dá aos asistentes a oportunidade de coñecer "todas as posibilidades de futuro que se lle abren" e "aquí pode ser ou lugar onde descubran esa ilusión, esa idea de futuro que lles atrae e que poden chegar a conseguir" mentres que Ernesto Pedrosa considera que o salón "debería ser de visita obrigatoria porque poucas oportunidades existen para que estes alumnos poidan ver, elixir e decidir".
Digna Rivas destacou a presenza dunha caseta da Escola de Cantería e outro do Plan Revitaliza da Deputación Provincial, pois tanto a cantería como a compostaxe "están a formar e están a dar moitos postos de traballo". A institución provincial está a botar o resto "para que cada vez teñan máis forza".
Relacionadas:
-
Edugal 2019 contará coa intervención da microbióloga Alicia Estévez Toranzo, premio Wonenburger
Por Redacción |
-
Madrid escolle o exemplo do Plan Revitaliza da Deputación
Por Redacción |
-
Edugal pecha as portas da súa edición máis visitada
Por Redacción |
-
Edugal, a maior feira de formación de Galicia, chega a Pontevedra do 7 ao 9 de marzo
Por David Arana |
-
A gran inserción laboral que ofrece a FP, principal reclamo de Edugal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
EDUGAL: Tres días para que os estudantes analicen o seu futuro vencellado ás empresas
Por Redacción |