Edugal, a maior feira de formación de Galicia, chega a Pontevedra do 7 ao 9 de marzo
Por David Arana
Este venres 2 de marzo presentouse na sede de Aempe a nova edición de Edugal, o congreso centrado na formación educativa que se vai desenvolver no Recinto Feiral de Pontevedra, e que este ano chega á súa sétima edición.
O obxectivo de Edugal é dar impulso á educación dos estudantes máis novos cara ao mundo laboral, ofrecendo unha programación que se renova ano tras ano e na que teñen cabida todas as disciplinas educativas a todos os niveis, desde formación profesional ata a universidade.
Edugal contará nesta edición de 2018 con máis de 50 casetas, abarcando todo o espectro da oferta educativa a nivel galego. Dentro do congreso haberá representantes dende formación profesional ata educación universitaria, e o seu principal obxectivo é resolver as dúbidas da mocidade fronte ao futuro laboral.
Tamén con motivo desta edición van organizarse charlas formativas en centros de educación secundaria de Pontevedra, así como visitas ao campus de Pontevedra e saídas culturais ou demostracións dos centros, como o CIFP Carlos Oroza.
A organización do evento vaticina unha asistencia maior que en ningunha outra das edicións precedentes, con máis de 2.000 estudantes confirmados para achegarse ata este congreso, procedentes de máis de 60 centros diferentes.
Edugal celebrarase os días 7, 8 e 9 de marzo e contará cun acto de apertura que consistirá nun concerto por parte dun quinteto do conservatorio Manuel Quiroga, que tamén clausurará o evento cunha actuación da orquestra do centro.
O presidente de AEMPE, José María Corujo, e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, foron os encargados de presentar a programación deste evento.