Gonzalo Caballero reclama a Feijóo un proxecto "integral" para o canal e o encoro do Umia
Por Redacción
O líder do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, considera que existe un problema "moi grave" no encoro do Umia que, unha vez máis, ten as augas tinguidas de verde polo efecto das cianobacterias. É unha situación, dixo o dirixente socialista, que o goberno galego "non quere recoñecer nin solucionar".
Caballero, que visitou o encoro acompañado dos alcaldes de Caldas e Cuntis, lamentou a "falla de responsabilidade" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e urxiu ao executivo autonómico para impulsar un proxecto "integral" para avanzar no coidado e atención do encoro actual e do canal do río.
O río Umia está en alerta polas microcistinas dende o pasado mes de xullo, recordou o secretario xeral do PSdeG, sen que Feijóo e a conselleira de Medio Ambiente tiveran o "tacto" de achegarse á zona. "Nin están nin se lles espera", reprobou.
Nese senso, Gonzalo Caballero explicou que este episodio está a ter efectos económicos, medioambientais e sociais e recordou que é o Concello de Caldas o que está asumindo un "alto custe económico" para que os veciños "teñan unha auga de calidade”.
Ademais, o secretario xeral do PSdeG reprobou o "desleixo" da Xunta no que atinxe ao coidado dos ríos e do medio natural, e que no caso do encoro da Baxe supuxo incluso restricións para o baño durante o verán.
"O PP ten que entender que hai un problema ambiental grave na provincia de Pontevedra e que hai que limpar o encoro. Non pode darlle as costas aos veciños", recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que os efectos chegan dende Caldas ata Vilagarcía.
Pola súa banda, o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, aludiu á "historia dun incumprimento" do PP con este río e co encoro, pois a situación "agrávase ano a ano" pero a Xunta "non aporta un euro" para solucionala, provocando que o abandono sexa "palmario".
A este respecto, avanzou que o gabinete de crise conformado no concello vai pedir amparo á oficina da Valedora do Pobo ante a gravidade da situación.
O seu homólogo de Cuntis, Manuel Campos, reclamou que o goberno galego convoque aos alcaldes da conca para "explicar que pasa e dar toda a información".
Relacionadas:
-
A Xunta asegura que "nunca" houbo toxina no encoro do Umia
Por Redacción |
-
A situación do Umia é "un dos problemas medioambientais máis graves da comarca" segundo En Marea
Por Redacción |
-
Mensaxe de tranquilidade da Xunta polo estado do río Umia e o seu encoro
Por Redacción |
-
Cuntis pide á Xunta que reúna aos municipios afectados pola situación do encoro do Umia
Por Redacción |
-
O BNG demanda garantías á Xunta sobre a auga de consumo das comarcas de Caldas e o Salnés
Por Redacción |