O BNG demanda garantías á Xunta sobre a auga de consumo das comarcas de Caldas e o Salnés
Por Redacción
O BNG denunciou en rolda de prensa este venres a "gran mentira" coa que se leva "enganando" á poboación de Caldas de Reis respecto da auga que chega ás súas billas, pois a pesares de ser posible un tratamento con ozono "este non se está a realizar", segundo manifestou o portavoz do BNG, Manuel Fariña.
Ademais, continuou o portavoz municipal do BNG, "temos claros indicios de que o filtro de carbono activo non está a funcionar correctamente". De feito no protocolo de autocontrol (o protocolo de actuación) da ETAP que se lles facilitou no Concello en ningún momento se fala nin de ozono nin de carbón activo, e estes compostos químicos non aparecen entre os compostos empregados na ETAP.
Preguntado por este particular, no Concello se lles dixo que o filtro de carbón activo foi rexenerado por última vez hai uns 6 anos, cando este tipo de filtros se recomenda rexenerar anualmente.
Ante estes feitos os representantes do Bloque pregúntanse en canto valora o alcalde a saúde da veciñanza de Caldas de Reis, e por qué está chegando ás billas de Caldas de Reis unha auga de segunda ou terceira clase cando podería estar a chegar unha auga de mellor calidade.
Manuel Fariña comentou que no que respecta á recente prohibición do baño nas augas do Umia, resulta "paradigmático" que a actuación da Consellería de Sanidade fose posterior á denuncia pública do BNG sobre este particular, "sendo esta unha mostra máis da desidia da Xunta de Galiza neste tema". Por outra banda, dixo que o Concello non atende ao requerimento da Consellería de Sanidade, pois nin informa á poboación nin sinaliza atendendo ás informacións e recomendacións que se lle indican.
Fariña indicou que "dende o BNG non aceptaremos solucións intermedias nin parches e esixiremos o desmantelamento do encoro, pois todos os expertos din que é a única solución para o Umia".
Por outra banda, a deputada do BNG, Montse Prado, incidiu na resposta da Xunta de Galicia á rolda de prensa do BNG do pasado martes sobre o encoro, remitindo un fax ao Concello de Caldas de Reis no que se informa dos perigos das cianobacterias, remarcando que "isto o sabía a Consellería de Sanidade con antelación e non fixera absolutamente nada, o que demostra unha irresponsabilidade manifesta por parte da Xunta".
Ademáis, a deputada nacionalista preguntouse se a Xunta pode asegurar que a auga que chega ás billas de máis de 150.000 persoas de todos os concellos que captan auga no Umia, pois están dando positivo por microcistys en todos os puntos de control e estes concellos non contan con potabilizadoras con filtros de carbón activo, senón que o tratamento que se realiza é unha simple cloración.
Relacionadas:
-
A Xunta asegura que "nunca" houbo toxina no encoro do Umia
Por Redacción |
-
A situación do Umia é "un dos problemas medioambientais máis graves da comarca" segundo En Marea
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña solicitaron a Augas de Galicia a limpeza do río Umia nas zonas expropiadas polo encoro
Por Oskar Viéitez |
-
Mensaxe de tranquilidade da Xunta polo estado do río Umia e o seu encoro
Por Redacción |
-
Gonzalo Caballero reclama a Feijóo un proxecto "integral" para o canal e o encoro do Umia
Por Redacción |
-
Cuntis pide á Xunta que reúna aos municipios afectados pola situación do encoro do Umia
Por Redacción |