Mensaxe de tranquilidade da Xunta ploo estado do río Umia e o seu encoro
Por Redacción
Este luns tivo lugar na Delegación territorial da Xunta en Pontevedra unha reunión de traballo co comité de emerxencia de Caldas de Reis constituído co gallo da presenza da microalga cianobacteria no río Umia e no encoro.
Na reunión o delegado territorial José Manuel Cores Tourís estivo acompañado do xefa territorial de Sanidade, Ángeles Feijoo-Montenegro, así como do xefe territorial de Medio Ambiente, José Manuel González.
Os tres transmitiron unha mensaxe de tranquilidade aos membros do comité (formado por todos os partidos políticos desta localidade) así como para a cidadanía, xa que, "segundo os controis periódicos realizados tanto no río Umia como no encoro, non hai nin houbo presenza da toxina".
Por parte do concello de Caldas, además do alcalde Juan Manuel Rey, tamén estiveron o portavoz do PP, Manuel Cortés, o portavoz socialista, Manuel González, o de ICDR, Fernando Pérez e o do BNG, Manuel Fariña.
"Non existe problema algún para o uso para o consumo da auga nos concellos de Caldas, Portas, Vilagarcía de Arousa e no resto de concellos da Mancomunidade do Salnés. O comité é consciente de eso, polo que lle rogamos que teñan moito coidado con alarmar a sociedade sen necesidade", explicou Cores Tourís. "É importante explicalo ben".
"No río Umia, Sanidade non detectou toxina microcistina, producida por algunhas cianobacterias, tamén coñecidas como microalgas verdes-azuladas", matizou o delegado territorial, quen sí confirmou que existe esa alga no río e no encoro aínda que por debaixo dos niveis preventivos da Organización Mundial da Saúde.
En relación ao baño no río Umia, o delegado territorial recordou que ata chegar á cifra de 20.000 células non é preciso avisar da prohibición para o baño, xa que esta dase cando se superan os 100.000. "Aínda así, recomendámoslle ao concello de Caldas que puxera un cartel que recomendase non bañarse no río. O alcalde puxo un cartel dicindo que estaba prohibido o baño, cando non era necesario prohibilo; só era necesario non recomendar o baño, porque os niveis non chegaban ao que marca a lei sanitaria. Así llo dixen hoxe na reunión ao alcalde".
Os responsables da Xunta lembraron que son os concellos os responsables de garantir que a auga das billas estean en boas condicións. As potabilizadoras de todas as augas que se captan augas abaixo da presa son capaces de eliminar tanto a microcystis como a toxina se a chegase a haber.
"Augas executou fai uns anos unha mellora na captación de Segade (Caldas de Reis) que permite a captación de moita menos concentración e se melloraban considerablemente os problemas de saturación dos filtros da ETAP polas algas que facían mais complicada a explotación da mesma con paradas de limpeza de filtros máis frecuentes", explicou Cores Tourís.
CRÍTICAS
A valoración do BNG de Caldas sobre este encontro é moi negativa. Segundo Manuel Fariña, portavoz municipal do BNG, os representantes da administración autonómica adicáronse en todo momento a negar calquera problema no Umia e calquera responsabilidade. "Resulta evidente que como eles non viven en Caldas non ven que o río está completamente verde", afirmou.
Dende o BNG non comprenden como Cores Tourís non achegou "ningún compromiso máis alá de convocar unha nova reunión con representantes de maior talla política".
O portavoz municipal do BNG destacou nesta reunión que "nos negamos a quitarlle a importancia que realmente ten este asunto e a ver o noso río tinguido de verde un ano tras outro. Non queremos un río convertido nun camposanto de cartos. Queremos recuperar o Umia".
LIMPEZA DO RÍO
Durante a reunión, falouse especialmente dos traballos de limpeza do río. Cores Tourís recordou que xa nos últimos anos estivéronse levando a cabo traballos deste tipo, retirando troncos do río, plantando especies de ribeira que suxeitan a terra.
O delegado trasladoulle ao alcalde da localidade que non hai problema en volver a levar a cabo traballos de limpeza. Aínda así, recordoulle ao alcalde de Caldas que Augas de Galicia xa lle dixo ao concello que ten que actuar no tramo urbano do río. Neste senso, Cores Tourís explicou que a Xunta está disposta a chegar a acordos de colaboración con este fin, pero sempre acorde aos informes técnicos e sempre aplicando métodos manuais.
O martes haberá outra reunión na Delegación Territorial da Xunta cos concellos de Cuntis e Moraña para analizar a situación. Ademais, José Manuel Cores Tourís tamén confirmou que haberá unha reunión proximamente entre Augas de Galicia e o comité de emerxencia de Caldas de Reis para ir avanzando nas solucións á presenza desta alga.
Relacionadas:
-
Augas de Galicia retoma as expropiacións para instalar o sistema de emerxencia na presa de Caldas
Por Redacción |
-
A Xunta asegura que "nunca" houbo toxina no encoro do Umia
Por Redacción |
-
A eurodeputada Ana Miranda leva ao Parlamento Europeo a contaminación do encoro do río Umia
Por Oskar Viéitez |
-
A situación do Umia é "un dos problemas medioambientais máis graves da comarca" segundo En Marea
Por Redacción |
-
Cuntis e Moraña solicitaron a Augas de Galicia a limpeza do río Umia nas zonas expropiadas polo encoro
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Caballero reclama a Feijóo un proxecto "integral" para o canal e o encoro do Umia
Por Redacción |
-
Cuntis pide á Xunta que reúna aos municipios afectados pola situación do encoro do Umia
Por Redacción |
-
O BNG demanda garantías á Xunta sobre a auga de consumo das comarcas de Caldas e o Salnés
Por Redacción |