Case tres mil persoas xantarán na Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña
Por Redacción
Na Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña xa non collen máis comensais. O Concello de Moraña acaba de pechar a reserva de lotes para o multitudinario xantar popular ao chegar ao tope de 140 lotes. Así, 2.800 persoas xa teñen confirmada a súa presenza na comida que se celebrará na carballeira de Santa Lucía o próximo domingo 29 de xullo.
As reservas completaron todo o espazo dispoñible na carballeira e confirmaron, un ano máis, o éxito e o tirón desta festa gastronómica, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2006. Cada lote de carneiro ao espeto atenderá a unha vintena de comensais.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, amosou a súa satisfacción porque se completaran todas as prazas para o xantar popular, "o que demostra que a festa vai por moi bo camiño, xa que esperta un gran interese, e que a calidade do produto e o prestixio dos nosos mestres asadores son recoñecidos e cada vez máis coñecidos en toda Galicia".
Piñeiro lamenta non dispoñer de máis espazo, "porque estou segura de que tamén o completariamos".
Polo demais, nesta fin de semana de vésperas da cita gastronómica, Moraña vai intensificar a súa programación da festa desde esta noite co espectáculo Historias que veñen e van, de Cándido Pazo, e, xa mañá, co festival folclórico de música e baile tradicional de Seixebra desde as 20.00 horas na parte traseira da Casa da Cultura.
Xa o domingo, haberá a VI Carreira Carneiro ó Espeto desde as 10.30 horas, que pechou a inscrición con 330 deportistas individuais e 70 parellas, e ás 21.30 horas na Casa da Cultura a obra teatral O caso é ter saúde, da compañía Malasombra.
Relacionadas:
-
Moraña desborda no día grande da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Dez quilómetros de Carreira Carneiro ó Espeto para ir abrindo o apetito
Por Redacción |
-
Kiko&Shara, Natalia, Amistades Peligrosas, El Regreso de la Década e a Festa Kioto estarán na Gala do Carneiro
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña abre a programación da Festa do Carneiro ó Espeto coa ruta de tapas e a reserva de lotes
Por Redacción |