Moraña abre a programación da Festa do Carneiro ó Espeto coa ruta de tapas e a reserva de lotes
Por Redacción
O Concello de Moraña acaba de arrancar a programación da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto, que celebrará o seu día grande o vindeiro 29 de xullo, coa presentación da sétima edición da ruta de tapas "Espétalle un Pincho" e coa apertura do prazo de reserva dos lotes para o xantar popular, que permanecerá aberto ata o20 de xullo ás 14.00 horas.
A posta en marcha desta cita gastronómica, que incluirá case 25 actividades ao longo do mes de xullo, tivo lugar este venres cun encontro mantido na Carballeira de Santa Lucía pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, o teniente de alcalde José Cela e unha representación dos hostaleiros participantes na ruta de tapas.
"Espétalle un Pincho" contará coa participación de nove establecementos, que servirán distintas tapas de carneiro aos seus clientes de xeito gratuíto coas súas consumicións o venres 6 e o sábado 7 de xullo desde as 21.00 horas.
En concreto, na primeira xornada haberá petiscos en Asador O Xavique e Café Bar Alborada, ambos de Santa Lucía, Casa Varela (Rial) e De Vintage (Souto), mentres que o sábado serviranse en Café Bar Xolda, A Adega, Restaurante O Pouso e Café Bar Vi Sports, todos eles na capital municipal, e Café Bar O Congo (O Cubelo).
"Imos ter un mes moi completo de actividades para a exaltación do carneiro e non hai mellor xeito de arrancalo que con esta ruta de tapas, que xa está plenamente consolidada e enche os nosos establecementos", explicou Piñeiro, que quixo agradecer o "esforzo, colaboración e calidade" dos hostaleiros locais ao tempo que convidou a todos os veciños e visitantes a ateigar a vila para probar estas tapas na vindeira fin de semana.
Polo demais, tamén se informou de que as persoas interesadas en adquirir os lotes para o xantar popular do 29 de xullo poden facelo ata o venres 20 ás 14.00 horas pagando a súa reserva cun ingreso nas sucursais bancarias da vila, pertencentes a Abanca, Banco Pastor, BBVA e Caixabank.
Cada lote, suficiente para vinte comensais, inclúe un carneiro asado ó espeto de 12 a 14 quilogramos, unha empanada de trigo de zorza e outra de trigo de bacallau con uvas pasas, catro moletes de pan, doce botellas de viño tinto e outras tantas de auga, salsa especial, café e augardente e servizo completo de mesa. O prezo mantense en 300 euros.
A alcaldesa destacou a importancia desta festa "tanto pola sinerxia positiva e o dinamismo que crea na nosa socioeconomía como pola repercusión que lle outorga a Moraña en toda Galicia" e quixo poñer en valor que se trata "dunha das máis grandes citas gastronómicas que hai na nosa comunidade por importancia, antigüidade e sona e, posiblemente, a de maior relevancia no mes de xullo".