Kiko&Shara, Natalia, Amistades Peligrosas, El Regreso de la Década e a Festa Kioto estarán na Gala do Carneiro
Por Oskar Viéitez
O Concello de Moraña vén de pechar toda a programación da XLIX Festa do Carneiro ó Espeto, que volverá a contar cun elenco musical de luxo na gran gala programada para as vésperas coas actuacións de Kiko&Shara, Natalia, Amistades Peligrosas, El Regreso de la Década e unha Festa Kioto con discjockeys e gogós. Este espectáculo terá lugar o sábado 28 de xullo ás 23.00 horas na Carballeira de Santa Lucía.
Con motivo do peche da programación, a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e o teniente de alcalde José Cela comezaron a coordinar o envío de materiais promocionais desta cita gastronómica e a preparar a súa presentación oficial, que terá lugar o venres 13 na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, co obxectivo de seguir dando a coñecer o Carneiro ó Espeto por toda a comunidade galega.
Polo demais, a programación arrancará esta fin de semana coa VII Ruta de Tapas "Espétalle un Pincho" distribuída entre venres e sábado en nove establecementos e co Certame de Corais, que será o sábado ás 20.30 horas na Casa da Cultura coa participación da Coral Asturiana de Gijón e a formación local Voces Amigas.
En total haberá preto de 25 actividades culturais, musicais, deportivas, teatrais, infantís e gastronómicas durante o presente mes "para encher Moraña de xente e seguir mantendo ao Carneiro como a gran referencia gastronómica de xullo en Galicia", segundo explicou a rexedora.
RELACIÓN DE ACTIVIDADES
Tras o arranque desta fin de semana, a programación retomarase o xoves 12 cun obradoiro de pintura en tea e o venres 13 con outra actividade -neste caso infantil- de reciclaxe creativa que, en ambos casos, teñen aberta a inscrición na biblioteca.
Xa o venres 20 chegará o espectáculo "Historias que veñen e van" de Cándido Pazó e ao día seguinte terá lugar o Festival Folclórico organizado polo grupo local de música e baile tradicional Seixebra. Nesa fin de semana, os actos pecharanse o domingo coa VI Carreira Carneiro ó Espeto organizada pola Clube Atletismo +9 Moraña e, xa pola noite, coa peza teatral "O caso é ter saúde", de Malasombra Produccións.
A semana grande arrancará con festa acuática o luns 23 e con circo na rúa o martes 24, dando paso, xa o xoves 26, ao campeonato de natación, unha festa infantil e unha Festa Holi para a mocidade con música de DJ e cócteles sen alcol.
Finalmente, na fin de semana haberá un torneo de basket 3X3 e unha verbena con Tango e Saudade o venres 27; a Festa da Bicicleta, o tradicional Trofeo de Fútbol coa presenza do Pontevedra, o Celta B e o Rápido de Bouzas e a citada Gran Gala Musical o sábado 28; e, xa o día grande, domingo 29, o pasarrúas musical de Seixebra e a animación da charanga Os Encerellados, o xantar popular coa sobremesa de Pelepau e Sonoro Maxín e a verbena de peche con Olympus e Nebraska.
Relacionadas:
-
De Vintage, O Xavique e A Adega triunfan no concurso de tapas "Espétalle un Pincho"
Por Redacción |
-
Dez quilómetros de Carreira Carneiro ó Espeto para ir abrindo o apetito
Por Redacción |
-
Case tres mil persoas xantarán na Festa do Carneiro ó Espeto de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña abre a programación da Festa do Carneiro ó Espeto coa ruta de tapas e a reserva de lotes
Por Redacción |
-
Nova iluminación en Moraña para a Carballeira de Santa Lucía
Por Redacción |