Persoas con lupus, migrañas e hiperactividade respaldan o uso terapéutico de cannabis no club 'Casa María'
Por Redacción
Terceira sesión da vista oral contra dous fundadores e un socio da asociación cannábica 'Casa María' e nesta ocasión prestaron testemuño sete socios do club, que manifestaron o seu convencemento de que o colectivo estaba apoiado legalmente porque contaba cuns estatutos asinados pola Xunta de Galicia e sinalaban que participaban no autocultivo e eran coñecedores da prohibición de consumir substancias en vía pública.
Apuntaron tamén que se celebraban charlas e talleres de formación sobre o consumo e que o cannabis que se utilizaba era relaxante (CBD), con obxectivos terapéuticos.
Neste sentido, un dos socios que testificou declarou sufrir lupus e hemicrania mentres que outro fora diagnosticado desde pequeno como hiperactivo e con déficit de atención. Ambos indicaron que recorreran a esta asociación para poder evitar acudir ao mercado negro.
Un deles manifestou que "yo no fumo porros. Yo ingiero marihuana" para continuar asegurando que mellorara un 200% o seu estado desde que ingresara na asociación xa que lle baixaran as ronchas", afirmou ante o xuíz. Fixo ademais unha defensa dos tres acusados explicando que descoñecía por que eles foran imputados e non o resto de socios: "tampoco entiendo porque no estamos todos. No hicieron nada que no hiciéramos todos".
Outro dos socios tamén confirmou o enfoque terapéutico da asociación e, neste sentido, explicou "yo soy muy nervioso y aquello no me gustaba, me daba sueño" referíndose ao tipo de cannabis que se empregaba na sede. Esta testemuña admitiu que el traballara para 'Casa María' cun soldo de 500 euros durante un período de tempo e que, no momento de máis actividade, catro persoas de maneira simultánea chegaron a traballar na sede da asociación situada na rúa Tristán de Montenegro.
O perito da defensa que testificou a través de videoconferencia sobre as substancias que foran requisadas pola Policía Nacional durante a intervención manifestou que non se cumpriron os protocolos internacionais de análises da substancia para, a continuación, incidir na ausencia de THC nas plantas incautadas e analizadas por Sanidade concluíndo que sen THC, principal constituínte psicoactivo do cannabis, "a planta non é fiscalizable", ao que o fiscal rebateu facendo referencia a doutrina jurisprudencial do Tribunal Supremo.
O xuízo queda á espera de que tanto o Ministerio Fiscal como os avogados das defensas expoñan as súas conclusións. O representante de Fiscalía, Pablo Varela, pide catro anos de prisión para os tres acusados, por delito contra a saúde pública e por asociación ilícita.
Relacionadas:
-
O Supremo confirma a condena aos fundadores do club de cannabis 'Casa María'
Por Natalia Puga |
-
Tres meses de prisión para os fundadores do club cannábico Casa María
Por Natalia Puga |
-
Fiscalía reduce a 6 meses de prisión a petición de pena para os responsables de Casa María
Por Oskar Viéitez |
-
O forte olor a marihuana no Campillo, orixe da intervención policial no club de cannabis 'Casa María'
Por Redacción |
-
Representantes de 'Casa María', acusados dun delito contra a saúde pública, defenden ante o xuíz o uso terapéutico do cannabis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Audiencia xulga esta semana os fundadores e un socio dun club de cannabis de Pontevedra
Por Redacción |