Representantes de 'Casa María', acusados dun delito contra a saúde pública, defenden ante o xuíz o uso terapéutico do cannabis
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Javier Puig é desde maio de 2016 o presidente da Federación de Asociacións Cannábicas (FAC) de España e este martes sentaba ante o xuíz da sección segunda da Audiencia de Pontevedra acompañado por Luís A. e Rubén B. Os tres están acusados, por parte da Fiscalía, dun delito contra a saúde pública e outro de asociación ilícita por organizar o colectivo 'Casa María' en Pontevedra.
Segundo o fiscal Pablo Varela, esta asociación arrendara unha vivenda na rúa Tristán de Montenegro en Pontevedra. Alí utilizaban unha das plantas como secadoiro de cannabis, que logo vendía a terceiras persoas. No rexistro realizado pola policía acháronse dez plantas de marihuana colgadas do teito dunha habitación e noutra sala nove plantas en período de crecemento, plantadas en macetas, con sistema de rega e iluminación artificial. Segundo o fiscal, tiñan alugada unha segunda vivenda en Vilaboa para destinala a sementar e facer crecer as plantas de marihuana para a posterior venda das substancias derivadas deste cultivo. O escrito do ministerio público indica que o valor do material intervido ascende a 5.288 euros.
Durante a vista oral, os tres acusados declaráronse non culpables e no caso de Javier Puig non admite os feitos que se lle imputan. O cofundador de 'Casa María' sinalou que a asociación se creou con tres socios orixinais e con motivo da enfermidade da nai dun dos promotores. Puig indicou que no momento da constitución, no ano 2012, quixeron darlle a forma legal máis segura posible a un colectivo que nacía para evitar ter que acudir ao mercado negro para adquirir a herba. Para iso léronse "un montón de sentencias" ao obxecto de contar con información sobre outras asociacións de consumo de marihuana e decidiron abrir o grupo a un círculo de aproximadamente 40 amigos. Inicialmente, o consumo facíase na sede de 'Casa María', despois se permitíu extraer aos socios pequenas cantidades para o consumo nos domicilios. O acusado defendeu que ao redor do 40% dos participantes realizaban un uso terapéutico da substancia pero sinalou que sempre é difícil establecer o límite entre o uso terapéutico e o uso lúdico da droga debido a que hai persoas que consomen para combater desde o insomnio ata enfermidades como a fibromialxia ou o lupus.
"CANTIDADES RIDÍCULAS" PARA CONSUMO DOS SOCIOS
Javier Puig recoñeceu que, durante un período de tempo, chegou a cobrar un salario como traballador da asociación derivado do pago da cota que pagaban os integrantes e estivo dado de alta na Seguridade Social, ademais insistiu en que a agrupación pagaba os diferentes impostos fiscais. Apuntou tamén, a preguntas do fiscal, que todas as decisiónes realizábanse tras ser sometidas ao criterio da asemblea. Sinalou que 'Casa María' achegaba "cantidades ridículas" de droga a aqueles socios consumidores. Neste sentido indicou que os que máis consumían non chegaban a 30 gramos ao mes, pero a media normal estaba en oito gramos mensuais por persoa. Recoñeceu que mesmo algúns socios queixábanse da calidade e da escasa cantidade do produto. "No éramos expertos y cometiamos gazapos", sinalou Puig. Ademais indicou que garantía ao 100% que os usuarios que levaban a substancia á súa casa non traficaban con ela porque os seus prezos non eran competitivos no mercado negro e "eso hace difícil que sea para algo distinto al consumo". Ademais, explicou que se algún socio fose detectado traficando coa herba sería expulsado.
O acusado, durante un longo interrogatorio, asegurou que non escondían nin publicitaban a sede porque a publicidade neste terreo si está prohibida, pero recoñeceu que contaban cunha web na que colgaban determinados contidos sobre o consumo de cannabis. Puig sinalou que no momento da operación, a asociación contaba con preto de 150 integrantes, a maioría con idades comprendidas entre os 30 e os 45 anos. Cada un deles debía de estar avalado por un socio para poder ingresar na organización.
Puig alegou que durante estes anos mantivera contacto coa Unidade Sanitaria de Drogodependencias de Pontevedra, co intendente da Policía Local e participou en propostas a favor da legalización do cannabis no Parlamento Catalán, en Euskadi e en Mallorca. Mesmo recoñeceu que moitos dos socios, grazas a 'Casa María', reduciran ou abandonaran o uso desta droga. "Existe una vigilancia común", indicou en relación cos casos en que detectan un consumo fóra do normal.
O fiscal pide entre dous e catro anos de prisión para os tres acusados por cultivo e tráfico de substancias e por asociación ilícita. Pablo Varela anunciou que renunciaría a este último delito en caso de comprobar na vista oral que non existe dolo, vontade de delinquir, por parte dos fundadores do colectivo. O xoves 28 reanúdase o xuízo coa declaración dos outros dous acusados.