Fomento comprométese coas dúas rotondas de Cerdedo e a mellora do enlace de Calvelo
Por Redacción
O Ministerio de Fomento comprometeuse a desbloquear a construción da rotonda oeste de Cerdedo e a construír a glorieta leste –na saída cara Ourense– e a acometer as demandadas melloras de seguridade peonil no enlace de Calvelo da estrada N-541, segundo lles transmitiu este xoves o director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, ao presidente e vicepresidente municipais, Jorge Cubela e José Balseiros, nunha xuntanza mantida en Madrid.
Segundo informou o goberno local, en primeira instancia, o representante estatal comprometeuse a xestionar ante a Dirección Xeral de Patrimonio o problema que ten paralizado o remate da rotonda oeste pola presenza dun hórreo na contorna.
A intención de todas as partes pasa por trasladar dita edificación, pero ata o momento só se atoparon atrancos que se van solventar nas vindeiras semanas. Así, Estradas vai tratar de axilizar esta tramitación e, paralelamente, Cubela e Balseiros van solicitar unha entrevista coa directora xeral de Patrimonio para reforzar esta petición.
"Estamos convencidos de que este asunto vaise solucionar rápido e o director xeral díxonos que a obra retomarase de xeito inmediato tan pronto como se retire o hórreo", explicou Balseiros.
Outro tema que se vai abordar de modo inminente é o referido ás demandas de maior seguridade peonil na construción do enlace de Calvelo, que están a ser plantexadas polos veciños e que contan co respaldo do goberno local. Urrecho comprometeuse a asumir estas peticións, na medida en que sexan tecnicamente posibles, reformulando as necesidades de sinalización e axilizando a construción dunha senda peonil entre esta aldea e Tenorio, que é a súa cabeceira parroquial.
"O director de Estradas entendeu perfectamente as nosas peticións, que basicamente son as dos veciños, e vai estudar de inmediato a súa posible execución e encaixe no marco da mellora da N-541 que se está levando a cabo", manifestou Cubela, que amosouse convencido de que se aportarán solucións "que reforzarán a seguridade nesta zona".
Finalmente, tamén se abordou a construción da rotonda leste de Cerdedo, que pretende ser axilizada polo executivo local para seguir minimizando o risco de accidentes neste casco urbano. Urrecho informoulles de que o proxecto quedará rematado antes de que conclúa o presente ano e que sairá a exposición pública na primeira parte do vindeiro exercicio.
"A intención de Fomento é licitar a obra no segundo semestre de 2018 e, se dá tempo, comezala nese mesmo ano ou, como moi tarde, ao arrancar o 2019, o cal é unha boa nova porque vemos que hai avances reais e con prazos dunha obra que estimamos fundamental", detallou Balseiros.
"O mellor da xuntanza, aparte de coñecer o estado dos proxectos que importan aos nosos veciños, foi comprobar como se reiterou o compromiso do Ministerio de Fomento co noso concello, algo que foi habitual nos últimos tempos e que vemos que segue vixente", concluiu Cubela.
Relacionadas:
-
Jorge Cubela denuncia que un poste eléctrico bloquea a rotonda oeste de Cerdedo desde hai sete meses
Por Redacción |
-
A reubicación dun hórreo protexido desbloquea a rotonda oeste de Cerdedo
Por Redacción |
-
A senda peonil de Calvelo e o novo xuíz de paz centran o debate plenario de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Piden a creación dunha senda peonil entre Calvelo e o IES de Tenorio
Por Redacción |
-
O enfado dos veciños de Calvelo chega ao Congreso
Por Oskar Viéitez |
-
Queixas pola reforma da N-541 ao seu paso por Calvelo en Tenorio
Por Redacción |