A reubicación dun hórreo protexido desbloquea a rotonda oeste de Cerdedo
Por Redacción
Patrimonio desbloqueou a paralizada rotonda oeste da estrada N-541 á entrada de Cerdedo. Culminan así varios meses de xestións e diálogo entre o presidente e o vicepresidente municipais de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela e José Balseiros, co Ministerio de Fomento e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O problema xurdiu hai case un ano cando se detectou que a nova glorieta, fundamental para regular o tráfico e os accesos nesta zona de cruce con maior seguridade, tiña un hórreo protexido no seu ámbito de afección, o que motivou que se frearan os seus traballos de construción ata acadar unha solución que non se atisbaba sinxela.
A proposta do Concello foi aprobada este mércores en comisión polo ente autonómico, polo que se dá luz verde a que se retomen os traballos, que comezarán de xeito inminente e que deberían estar concluidos nun prazo breve de tempo tendo en conta que parte da estrutura lateral da rotonda xa fora acometida nos primeiros meses desde que arrancaran os traballos en 2016 cunha visita da entón ministra de Fomento, Ana Pastor.
"O diálogo e o traballo foron fundamentais", aseveraron os munícipes, que engadiron que agardan que os novos responsables ministeriais apelen a estes dous principios "para rematar con sentido común e atendendo aos criterios de seguridade e ás demandas da veciñanza a reforma integral da N-541 ao paso polo municipio".
Finalmente, confían en que se manteña a licitación da rotonda leste de Cerdedo, ubicada na saída en dirección cara a Ourense, antes de que remate o presente ano, tal e como se comprometera o Ministerio de Fomento.