O BNG esixe á UE que recoñeza "de inmediato" o viño Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño
A vendima deste ano podería contar en Galicia cunha nova indicación xeográfica protexida. Trátase de Ribeiras do Morrazo, unha denominación que agrupa aos produtores de Pontevedra, Bueu, Cangas, Moaña, Poio, Vilaboa e Redondela. Tan só resta que este selo de calidade sexa ratificado pola Unión Europea.
Por iso é polo que o BNG avanzase que presentarán unha moción ao pleno da corporación municipal para esixir a Bruxelas a "máxima celeridade" na tramitación do seu recoñecemento definitivo. Anabel Gulías explicou que, actualmente, "estamos no límite temporal" para que o viño desta tempada poida contar con esta denominación.
A edil nacionalista explicou que os viñedos destes sete concellos xa producen baixo estándares e parámetros "similares" ás dunha denominación de orixe, pero ese esforzo "non está recoñecido" ao non estar aprobado aínda este selo de calidade.
Para lograr este obxectivo, a UE tería que "atender" os intereses de Galicia e completar os trámites necesarios para producir e comercializar estes viños "nas mellores condicións".
Ademais, o BNG lamenta a "pasividade" da Xunta á hora de "defender aos produtores". Anabel Gulías asegurou que o goberno galego tardou tres anos en iniciar os trámites para a súa aprobación e, posteriormente, non protestou ante a "parálise administrativa" que parece apoderarse desta iniciativa, tanto en Galicia como en Madrid.
"Xa é hora que os intereses dos galegos sexan prioritarios e non só unha moeda de cambio en Europa", destacou a responsable de Promoción Económica no concello.
Xunto con esta reclamación á UE, a moción do BNG busca solicitar o apoio da corporación para desenvolver accións reivindicativas e de visibilización en favor desta indicación xeográfica protexida.
Relacionadas:
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |
-
Sen acordo aínda para aprobar un novo regulamento do pleno
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta autoriza a comercialización do viño da IXP Ribeiras do Morrazo no mercado español
Por Redacción |
-
Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción |
-
O viño Ribeiras do Morrazo dá un paso máis para conseguir a súa etiqueta
Por Oskar Viéitez |
-
A indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo" estrearase a próxima vendima
Por Redacción |