Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción
A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) de viños "Ribeiras do Morrazo" terá a partires deste venres o recoñecemento no ámbito español. Está previsto que este 23 de setembro se publique no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro desta IXP, trámite co que se completa o seu proceso de rexistro e amparo en España.
A continuación, remitirase ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente toda a documentación do expediente, para que este, á súa vez, transmita a solicitude á Comisión Europea, co fin de acadar o recoñecemento da IXP a nivel comunitario.
Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita á adega "Os Areeiros", no concello pontevedrés de Vilaboa, un dos que forma parte da área protexida pola nova IXP.
Esta indicación xeográfica púxose en marcha a petición dun grupo de viticultores e elaboradores da zona do Morrazo e concellos próximos que querían distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade.
Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades cultivadas nos termos municipais de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa.
Neste documento faise constar tamén que os viños obtidos son frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acedume. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os viños tintos ben cubertos en fase visual.
No devandito prego de condicións indicase ademais que os viños amparados elaboraranse exclusivamente con uvas de determinadas variedades. Así, as brancas serían Albariño, Caíño blanco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés e as tintas Brancellao, Caíño Tinto, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón.
Relacionadas:
-
Europa recoñecerá a IXP Ribeiras do Morrazo en cuestión de días
Por Redacción |
-
A Xunta autoriza a comercialización do viño da IXP Ribeiras do Morrazo no mercado español
Por Redacción |
-
O BNG esixe á UE que recoñeza "de inmediato" o viño Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
A Casa da Luz, escaparate para os viños galegos
Por Redacción |
-
O viño Ribeiras do Morrazo dá un paso máis para conseguir a súa etiqueta
Por Oskar Viéitez |
-
A indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo" estrearase a próxima vendima
Por Redacción |
-
Formación para produtores e adegueiros sobre denominación de orixe protexida
-
Os viños de Pontevedra, Poio e O Morrazo poderían ter Indicación Xeográfica Protexida
Por Redacción |