O viño Ribeiras do Morrazo dá un paso máis para conseguir a súa etiqueta
Por Oskar Viéitez
Oito municipios: Pontevedra, Poio, Vilaboa e Redondela, xunto aos municipios do Morrazo: Cangas, Bueu, Moaña e Marín deron este venres un paso máis no seu afán para obter nos seus territorios a declaración de Indicación Xeográfica Protexida.
Unha etiqueta que levan perseguindo desde que a Denominación de Orixe Rïas Baixas pechoulles as súas portas mentres admitía a outras subzonas con menos lóxica como o Ulla.
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a solicitude de rexistro desta nova indicación xeográfica.
A asociación confórmana tres adegas e máis de 600 produtores.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, analizou a nova Indicación Xeográfica Protexida Viños de Ribeiras do Morrazo cos representantes dos viticultores deste área.
Trátase dun paso máis de cara a súa inscrición no rexistro europeo, xa que unha vez que se publique tamén no BOE, abrirase un prazo de dous meses para presentar calquera alegación a este rexistro.
Guillermo Martínez, representante da asociación, aproveitou a reunión para pedir que se tivera en conta a posibilidade de legalizar algúns dereitos históricos de viñas que non se atopan na actualidade no rexistro vitivinícola pero que, nalgúns casos, superan os 100 anos de existencia. "Temos documentación sobre esta situación, o que facilitaría a súa inclusión no rexistro", explicou Martínez.
A posta en marcha desta distinción conta co apoio das corporacións locais de todos os concellos aos que atinxe a mesma, xa que facilitará a comercialización das producións da zona.
Relacionadas:
-
A Xunta autoriza a comercialización do viño da IXP Ribeiras do Morrazo no mercado español
Por Redacción |
-
O BNG esixe á UE que recoñeza "de inmediato" o viño Ribeiras do Morrazo
Por Alejandro Espiño |
-
Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción |
-
As exportacións representan xa o 28% das vendas dos viños Rías Baixas
Por Redacción |
-
A indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo" estrearase a próxima vendima
Por Redacción |