Formación para produtores e adegueiros sobre denominación de orixe protexida
Tras os intentos infrutuosos para conseguir entrar na Denominación de Orixe Rías Baíxas, produtores e adegueiros recorreron á obtención da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para poder comercializar a uva e o viño de forma legal. Trátase dun proceso lento que leva varios anos en trámites administrativos e que xa se atopa na última fase da súa tramitación en Bruxelas.
Co obxectivo de informar sobre como poñer en valor os viñedos baixo esta indicación, impartiranse unhas xornadas por todo o concello, organizadas polo Concello de Pontevedra, xunto coa Federación Provincial de Furancheiros e Viticultores de Pontevedra. Así as presentou este mércores 24 o edil Demetrio Gómez.
Con estas xornadas, produtores e adegueiros de Pontevedra, O Morrazo e Poio entre outros, poderán coñecer as claves para o coidado das súas viñas e uvas, que lles axuden a conseguir as características de calidade necesarias para vender baixo a IXP.
Para facilitar a participación da cidadanía, organizaranse cinco xornadas en Campañó, Marcón, Pontevedra, Salcedo e Santa María de Xeve. Impartiranse todos os xoves cara á última hora da tarde, comezando o xoves 25 de febreiro en Campañó e finalizando o 31 de marzo na Casa da Luz de Pontevedra.
As actividades terán unha duración aproximada de dúas horas, que se dividirán en dous partes. Durante a primeira hora, departirase acerca dos pasos para dar para obter a marca, así como as características técnicas necesarias para a produción do viño e a uva. Expertos da Federación de Furancheiros e Viticultores encargaranse de impartir estas charlas. Posteriormente, os participantes poderán gozar dunha cata de viños galegos que contan con esta denominación, para mostrar o que se está facendo na nosa comunidade autónoma.
Estas xornadas inclúense dentro da campaña iniciada o pasado mes de decembro 'Beber País' que ten por obxectivo poñer en valor os produtos con denominación de orixe e dalos a coñecer.
Relacionadas:
-
Queda recoñecida en España a indicación xeográfica protexida de viños "Ribeiras do Morrazo"
Por Redacción |
-
Os 'furancheiros' piden abrir xa en febreiro e elixir cada un as tapas que poden servir
Por Alejandro Espiño |
-
Impulso municipal ao recoñecemento de Indicación Xeográfica Protexida para os viños da comarca
Por Oskar Viéitez |
-
Adegueiros da comarca preparan unha marca propia para os seus viños
Por Oskar Viéitez |