Os alcaldes de Barro e O Grove trasladan a Cores Tourís as peticións á Xunta
Por Oskar Viéitez
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou este venres sendas visitas institucionais aos concellos de Barro e O Grove.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, centrou o seu interese no avance da tramitación das concentracións parcelarias que se atopan activas no municipio: Agudelo-Barro-Valiñas, que se atopa en fase de acordo; a de Perdenai-Barro II, en fase de bases definitivas; e finalmente, a de Curro-Portela, que está en fase de bases provisionais.
Cores Tourís advertiu que se trata dunha parcelaria "de gran complexidade, xa que estamos a falar de unha dimensión moi grande de terreo con un elevado número de propietarios e a pesar diso, puidemos lograr grandes avances neste eido" e recordou os investimentos realizados como o millón de euros destinados as obras de camiños en Perdecanai.
Por outra banda, Fernández Abraldes tamén solicitou que se siga a colaborar co concello en relación ao centro de saúde, con máis de 3.700 usuarios, onde, nos últimos tempos cambiáronse as portas e o mobiliario. O alcalde insiste na necesidade de mellorar á accesibilidade a este edificio e de que se tome en conta ao concello cando se decida levar a cabo un novo paquete de transferencias de centros de saúde á Xunta.
O alcalde tamén realizou solicitudes en relación ás infraestruturas, destacando a necesidade de bacheo que ten algúns puntos do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello. Por outra banda, mostrou a súa satisfacción polo avance das obras de mellora da PO-531, especialmente no caso da rotonda de acceso ao polígono de Sequeiros, xa que a Axencia Galega de Infraestruturas acaba de convocar aos titulares de bens e dereitos afectados para proceder ao levantamento das actas previas á ocupación de cara a poder levar a cabo as expropiacións necesarias para executar esta obra.
Finalmente, Abraldes demandou tamén colaboración da Xunta de Galicia de cara a seguir loitando contra os niños de avespa velutina, especialmente os que se atopan en lugares moi elevados, xa que consideran que está a causar danos entre os apicultores da comarca.
O GROVE
Pola súa banda o alcalde do Grove, José Cacabelos, pediulle ao delegado territorial a súa mediación de cara a manter unha reunión co conselleiro de Sanidade e expoñerlle a situación do proxecto do centro de saúde.
Tamén trasladou a Cores Tourís a necesidade de reorganización da zona portuaria así como a instalación dun paso de peóns con semáforo de pulsador na entrada da vila en Ardia.
Finalmente, o rexedor do Grove mostrouse moi interesado en que tanto o concello como a Xunta e a Deputación de Pontevedra continúen a colaborar conxuntamente para manter o GES do Grove de cara a poder atender as emerxencias que xurdan neste municipio.
Relacionadas:
-
Bueu estrea o novo espazo exterior do mercado
Por Oskar Viéitez |
-
Portas pide axilidade nas concentracións parcelarias de Briallos e Romai
Por Redacción |
-
Poio e Meis, na axenda de Cores Tourís
Por Redacción |
-
Cores Tourís sigue de tour, hoxe: Ponte Caldelas, Cambados e Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
Cores Tourís recolle os recados dos alcaldes de Cuntis, Meaño e A Lama
Por Oskar Viéitez |