Portas pide axilidade nas concentracións parcelarias de Briallos e Romai
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, realizou este mércores unha visita institucional ao Concello de Portas onde mantivo unha entrevista co alcalde, Víctor Estévez, quen lle transmitiu as principais preocupacións do municipio en relación á actividade da administración autonómica.
As principais necesidades do Concello de Portas céntranse, segundo Víctor Estévez, na axilización das concentracións parcelarias en marcha nestes intres, tanto a de Briallos como a de Romai, así como na mellora do saneamento deste municipio. Tamén demandou a colaboración da Xunta en relación á posibilidade de conseguir un novo camión de loita contra os incendios.
Outro dos temas que trasladou ao delegado territorial, foi a necesidade de conseguir axudas para mellorar a eficiencia enerxética do concello, de cara a reducir o custo deste servizo. Neste mesmo ámbito, o alcalde tamén solicitou que se analizara a viabilidade da mellora da instalación eléctrica do colexio.
Tamén analizaron a situación da senda verde na que está a traballar este concello en colaboración con Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa, e que ten coma obxectivo converter a antiga vía do tren nunha senda que enlace estes tres concellos.
"Trasladeille ao delegado territorial o noso interese en que a Xunta de Galicia colabore, xa que consideramos que se trata dunha boa iniciativa para atraer turistas e camiñantes aos nosos concellos", explicou Estévez, quen asegurou que "queremos que serva, como o Camiño Portugués, para potenciar a nosa comarca".
Relacionadas:
-
Medio Rural leva investido máis de 1,8 millóns de euros na parcelaria de Troáns I
Por Redacción |
-
Os alcaldes de Barro e O Grove trasladan a Cores Tourís as peticións á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Poio e Meis, na axenda de Cores Tourís
Por Redacción |
-
Cores Tourís sigue de tour, hoxe: Ponte Caldelas, Cambados e Caldas de Reis
Por Oskar Viéitez |
-
Cores Tourís recolle os recados dos alcaldes de Cuntis, Meaño e A Lama
Por Oskar Viéitez |
-
A seguridade viaria, unha das principais preocupacións en Ribadumia e Moraña
Por Redacción |