As brigadas provinciais traballan a pleno rendemento para atender as numerosas emerxencias nas estradas da comarca
Por Redacción
As brigadas de mantemento das vías da Deputación de Pontevedra levan traballando a pleno rendemento dende primeiro de ano a causa do mal tempo. Dende as 5:30 horas deste venres sucedéronse preto de 20 avisos por emerxencias chegados dende o 112, dos concellos e de persoas particulares a causa de desprendementos, asolagamentos, arrastres de terras, caídas de árbores, desbordamentos de taxeas e outras problemáticas na rede provincial de estradas.
A maiores do traballo ordinario de mantemento e vixiancia, só nos primeiros oito días de ano contabilizáronse preto de 60 emerxencias, unha cifra récord tendo en conta que o exercicio de 2015 se pechou con 367.
O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, destacou o gran traballo das oito brigadas que se esforzaron para intentar que a circulación fose o máis segura posible a pesares das inclemencias meteorolóxicas, desdobrándose incluso para atender diferentes partes a un mesmo tempo.
Entre outras incidencias as brigadas acudiron a Ponte Caldelas por unha bolsa de auga na EP-0201 Ponte Caldelas-Barbudo; e pola presenza de terras e pedras na calzada da EP-9201 entre Sanxenxo-Bordón-Samieira (ás 12:56).
Tamén houbo outra emerxencia en Ribadumia, ao estar a estrada entre Muiños Novos-Tabueiros anegada á altura de Pontearnelas. Alí os operarios estiveron traballando durante case dúas horas.
A seguinte actuación fíxose en Vilaboa. Dende o goberno local deuse aviso de que o regato da EP-002 entre Marco-Tomeza-Figueirido (Río de Bois) estaba a punto de desbordar por atranco das tubaxes existentes.
A brigada tamén actuou en varios puntos da EP-0017 Bao -Campañó, no termo municipal de Pontevedra, debido a bolsas de auga a carón da rotonda da vía rápida, canos atrancados e sinais a punto de caer. Acudiuse tamén á estrada de Xeve-Amil-Espedregueira por desbordamentos de auga na estrada e á vía entre Juan XXIII-Figueirido pola caída dunha árbore nas inmediacións da Brilat.
No Concello de Ponte Caldelas foi precisa a intervención de toda unha brigada para desatascar taxeas que facían que a auga esvarase formando láminas pola calzada, co conseguinte risco para a circulación. No concello de Vilaboa, á altura do O Picho, os operarios tiveron que retirar unha árbore caída polo vento na EP-0101 Postemirón-Acuña.
Relacionadas:
-
FOTOS: Carallo como chove!
Por Redacción |
-
Cuntis e Ponte Caldelas, con ríos desbordados e casas anegadas por segundo día consecutivo
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Un semáforo das Corbaceiras cede ante a forza do temporal
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cortan de madrugada a estrada de Almofrei por risco de derrubamento polas intensas choivas
Por Redacción | Creada e actualizada