PP e Ciudadanos propoñen despolitizar as concentracións contra a violencia machista
Por Natalia Puga
As concelleiras María Rey (Ciudadanos) e María José Rodríguez Teso (PP) marcáronse o obxectivo de despolitizar as concentracións e outros actos públicos que se convocan na cidade por mor dos casos de violencia machista. Para iso, este martes pediron que se convoque unha reunión extraordinaria do Consello da Muller e presentaron unha moción neste sentido para o seu debate no próximo Pleno da Corporación.
En relación co Consello da Muller, presentaron por rexistro unha solicitude de convocatoria extraordinaria "para abrir as convocatorias (de concentracións) dándolles un carácter plural, cívico, apartidista" no que teñan cabida "todas as sensibilidades".
Para xustificar a petición, argumentan que a violencia de xénero é un asunto prioritario no Concello de Pontevedra, pero o panorama diario ao que se enfrontra a sociedade é "desolador". Aplauden que o Consello da Muller mostra a súa repulsa cada vez que hai un asasinato machista, pero cuestiona que "utilízao de forma partidista".
A maiores, presentaron unha moción conxunta coa que tentan que o Pleno acorde que os actos de repulsa polos actos de violencia de xénero se convoquen a través do Concello e o Centro de Información á Muller (CIM) e non a través doutros colectivos e que todas teñan o mesmo mensaxe municipal, garden un minuto de silencio e inclúan a lectura dunha declaración institucional.
Esta petición chega despois da última concentración contra a violencia machista convocada o mércores 7 de outubro a raíz do asasinato dun muller en Vigo, pois María Rey e María José Rodríguez Teso cren que se politizou centrando as críticas contra o PP e, con esta politización, se desvirtúa a mensaxe e obxectivo deste tipo de actos.
De aquí en diante, PP e Ciudadanos piden que eses actos se celebren coa premisa de "unir e non separar" e que estean marcadas polo consenso para abrilas e darlles un carácter "plural, cívico, apartidista e pontevedrés".
Relacionadas:
-
A Fracha, o paro, as concentracións contra a violencia machista e a compostaxe marcan o pleno de outubro
Por Redacción |
-
"Querémonos vivas"
Por Redacción |
-
Pontevedra pide "tolerancia cero" ante a violencia machista: "Ás mulleres estannos asasinando"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
As concentracións de repulsa pola violencia de xénero celebraranse a partir de agora ante a Audiencia
Por Diego Espiño |