Pontevedra pide "tolerancia cero" ante a violencia machista: "Ás mulleres estannos asasinando"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
No que vai de ano 33 mulleres foron asasinadas en España en crimes de violencia machista, catro delas en Galicia, tres na provincia de Pontevedra. Despois de tantas mortes, xa non quedan palabras coas que condenar unha máis, pero a actualidade non dá tregua e este luns houbo tres asasinatos nun só día, o último en Vigo, onde un home presuntamente matou á súa parella, meteuna nun armario e acabou coa súa vida deixando unha nota autoinculpatoria. A condena volveu a facerse necesaria e a presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, pediu "tolerancia cero" da sociedade ante a secuela da violencia de xénero.
Varias decenas de persoas, entre funcionarios e politicos, saíron á porta do Pazo Provincial e gardaron un minuto de silencio. Tras o mesmo, Carmela Silva mostrou a súa "total repulsa e condena" unha vez máis ao crime de Vigo, pero non limitou o seu reproche ao último asasinato, senón que lamenta profundamente "cada unha das vítimas".
As cifras seguen crecendo e a presidenta provincial cre que é hora de facer unha chamada á concienciación de toda a cidadanía para que "asuma a violencia machista como un grave problema de todos", non só das mulleres que a sufran como vítimas directas, senón de toda a sociedade. Toda a cidadanía é vítima indirecta, de modo que todos deberían mostrar un rexeitamento unánime aos maltratadores a fin de que "non atopen ningunha tolerancia, ningunha xustificación, ningunha comprensión".
Nesa toma de conciencia e na loita contra esta secuela, Carmela Silva anuncia que será unha prioridade para a Deputación e o seu novo servizo de igualdade e pide ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, que considere a violencia machista como unha cuestión de Estado, pois "33 mulleres asasinadas son unha razón máis que suficiente para que as mortes de todas as mulleres nos fagan a todos implicarnos activamente para frear esta situación intolerable".
"Asasínannos, ás mulleres estannos asasinando", denuncia a presidenta provincial, impotente ante o aumento das cifras de asasinatos machistas. A pesar de que recoñece que os minutos de silencio non son a solución, considera "fundamental que a xente mire aos seus responsables políticos en frente da violencia de xénero" e cre que "non podemos mirar para outro lado", de modo que anuncia que sempre que haxa que lamentar un novo caso, sairá á rúa a que "quede claro o noso posicionamento".