A Fracha, o paro, as concentracións contra a violencia machista e a compostaxe marcan o pleno de outubro
Por Redacción
A concelleira de Marea Pontevedra, María del Carmen Moreira, interrompeu ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nada máis comezar o pleno de para indicar que este luns 19 era "un día triste" para Pontevedra porque se iniciaron, unha hora antes, as obras da autovía do Atlántico A-57. Expuxo que este primeiro tramo supoñerá a destrución do monte da Fracha e acusou o alcalde de pedir á ministra o adiantamento do inicio das obras para asistir a ese acto con Ana Pastor e evitar así a coincidencia co pleno. Lamentou que nin a titular de Fomento como o alcalde non recibisen aos veciños afectados.
Terminou a súa intervención descubrindo unha camiseta de 'Salvemos A Fracha', ao mesmo tempo que veciños e outros compañeiros do seu partido mostraban pancartas nas butacas do Teatro Principal nas que se lía "Falsa circunvalación". Fernández Lores contestou que se sentía "moi orgulloso de que se inicien as obras" porque se trataba dunha demanda histórica de Pontevedra durante décadas. E engadiu que foi Fomento quen cambiou o horario do acto sen que llo consultasen ao goberno local.
Tras este tema, o PSOE defendeu a súa petición de dotar dunha contía económica por parte do Concello ao plan de emprego da Deputación para crear postos de traballo en Pontevedra. Agustín Fernández, o portavoz socialista sinalou que máis de 1.300 famlias de Pontevedra carecen de emprego. E recriminou ao BNG que se escude tras os premios do modelo de cidade pero sen falar do modelo de traballo. O concelleiro popular César Abal interveu para lembrarlle aos socialistas que esa proposta fora rexeitada polo grupo do PSOE no anterior mandato. Desde o goberno local, César Mosquera contestou a Agustín Fernández que as obras da cidade xeran emprego con mellores contratos que os do plan da Deputación.
Na votación, ante a ausencia de Luís Rei, de Marea, por motivos persoais, segundo a súa compañeira de partido, chegouse a un empate con 12 votos en contra, dos concelleiros do BNG, e 12 a favor procedentes de PP, PSOE, Ciudadanos e Marea. Decidiu o voto de calidade do alcalde en contra da proposta. Os socialistas anunciaron que volverán presentar esta moción nun próximo pleno.
Tamén foi rexeitada a proposta do PP sobre a rebaixa dun 10% no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), rexeitada por 16 votos dos concelleiros do BNG, PSOE e Marea e cunha abstención por parte de Ciudadanos.
Si se aprobou por unanimidade que se denomine Amalia Álvarez Gallego ao parque situado nas proximidades da rúa Filgueira Valverde e a retirada da medalla concedida ao ditador Francisco Franco o 27 de agosto de 1944.
Rexeitouse, en cambio, a moción popular para crear unha Escola de Música Municipal defendida por Aurora Cañizares como contrapartida á decisión por parte da Deputación de retirar a subvención á Escola de Gaitas deixando a 154 persoas sen esas clases. O PSOE e o BNG apuntaron que Pontevedra conta con múltiples ofertas de formación musical e votaron en contra da iniciativa popular.
POLÉMICA POLAS CONCENTRACIONES CONTRA LA VIOLENCIA MACHISTA
Máis debate provocou a moción defendida por María José Rodríguez Teso, consensuada con Ciudadanos, para reclamar ao Concello que organice concentracións contra a violencia machista á marxe das que están a ser convocadas por organizacións feministas e secundadas polas diferentes agrupacións políticas. Rodríguez Teso chamou á necesidade de unidade nesas concentracións e non a unha utilización política deses actos.
A concelleira nacionalista Carmen Fouces criticou esta proposta sinalando que "piden que se marquen as clases. Parece unha concentración PTV" e engadiu que "se as súas organizacións se sinten incómodas terán que facérsello mirar". A proposta, apoiada por Marea, foi rexeitada polos votos do BNG, PSOE e Marea. Todos os grupos políticos apoiaron a moción de Marea de ampliar o número de bolsas para os nenos que utilizan os comedores.
Fóra da orde do día, os socialistas presentaron unha moción de urxencia sobre as 10 hectáreas de terreos comunais da Canicouva previstos para a planta de compostaxe. Agustín Fernández insistiu en que esa instalación ten que realizarse en terreos industriais e o PP apoiou a moción a través do seu portavoz, Jacobo Moreira, pedindo que se engadise que a localización tería que ser nun espazo que non provocase "crispación veciñal". Tamén votou a favor María Rey, de Ciudadanos. A proposta foi rexeitada cos votos do BNG e a abstención da concelleira de Marea.
Por último aprobouse por unanimidade unha moción socialista presentada pola concelleira Paloma Castro para que o Concello se sume aos actos contra a violencia machista coa instalación dunha pancarta violeta no Concello o 7 de novembro e participación nos actos que os colectivos feministas han organizado esa data para levar a cabo a primeira marcha estatal "contra as violencias machistas".
Cunha pregunta de Marea sobre a creación do parque forestal da Fracha na que o goberno local informou de que se realizou unha consulta cos veciños finalizou o pleno tras tres horas e media de sesión.
Relacionadas:
-
Franco, sen honras en Pontevedra: aproban retirarlle a medalla de ouro da cidade
Por Alejandro Espiño |
-
PP e Ciudadanos propoñen despolitizar as concentracións contra a violencia machista
Por Natalia Puga |
-
O Concello nega que o IBI vaia subir no 2016, a pesar da denuncia pública do PP
Por Alejandro Espiño |