Luís Bará non quere que a súa reunión cos veciños de Monte Porreiro se converta noutro pleno
Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos, Luís Bará, non quere que a súa reunión cos veciños dos Campos e Monte Porreiro sexa unha reproducción do debate do pasado Pleno municipal.
Por este motivo, e aínda que a xuntanza é "aberta a todos" dixo que o propósito é que a veciñanza coñeza ao detalle o proxecto de mellora da accesibilidade e seguridade viaria da estrada dos Campos, que nas medidas de calmado de tráfico inclúe a construción de seis lombos.
Luís Bará subliña que o obxectivo da reunión dos Campos é coñecer a opinión dos veciños e non "reproducir o debate do Pleno", aludindo deste xeito as peticións públicas de participación de grupos da oposición como o PP ou o PSdeG-PSOE. "É un acto do goberno local, non terá formato de intervención de grupos" advirte o concelleiro de Mobilidade.
A cita, que responde ás propias demandas dos cidadás do barrio, será este martes 29 de setembro, ás 18.30 diante da antiga Escola Infantil Os Campos e prodúcese despois de que o Pleno municipal aprobase, cos votos de toda a oposición, unha moción para a creación de vías sanitarias libres de lombos que levarían a retirada de 39 pasos de peóns elevados o que para o Goberno local é inaceptábel ao entender que a medida vai contra un modelo de cidade que prioriza o coidado das persoas.
O concelleiro Luís Bará presentará aos veciños o informe técnico que avala a implantación das medidas de calmado de tráfico, entre outras os lombos. É un informe firmado polo enxeneiro municipal do ano 2010.
Unha das vías libres de lombos para chegar ao Hospital Montecelo pasaría polo barrio de Monte Porreiro, onde os veciños "demandaron no seu día os pasos elevados e aplaudiron as medidas de calmado de tráfico, máxime cando pasan por diante de centros escolares", sinalou o edil.
Precisamente o día seguinte, o mércores, o concelleiro de Mobilidade reunirase coa comunidade educativa para pulsar a súa opinión respecto a proposta de retirada de lombos dun vial que é parte da rede dos camiños escolares polos que os nenos e nenas van andando e sós ao colexio.
Haberá máis xuntanzas coas veciñanzas que estean directamente afectadas pola proposta de supresión de pasos elevados.
Relacionadas:
-
O PSOE pide "coherencia" a Bará e que se reúna cos veciños de Moldes para falar dos lombos
Por Redacción |
-
En Os Campos din 'si' aos lombos
Por Alejandro Espiño |
-
O PP aclara que "estamos a favor" dos lombos, incluso en vías sanitarias, se son "legales"
Por Alejandro Espiño |
-
Familiares de vítimas de atropelos farán pedagoxía social sobre a necesidade do uso dos lombos
Por Redacción |
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |
-
O PP elaborará unha ordenanza que regule as características dos lombos
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |