En Os Campos din 'si' aos lombos
Por Alejandro Espiño
- Pero isto non era unha reunión veciñal? Porque só falades vós.
Esta frase, pronunciada por un dos asistentes á reunión, resume á perfección o que sucedeu en Os Campos na tarde deste martes. O goberno municipal convocara aos veciños para presentarlles o proxecto definitivo de reforma do acceso a Monte Porreiro, pero ao final a presenza de edís de PP, PSdeG-PSOE e Ciudadanos, xunto cos do BNG, converteron esta cita case nunha réplica do último pleno municipal.
Pero si, tamén había veciños. Unha trintena de persoas acudiron a este primeiro 'referendo popular' sobre os lombos que exporá o Concello barrio por barrio. E sen dúbida, neste caso, os veciños apoiaron a instalación destas medidas de acougado de tráfico na zona. Das dez intervencións que se escoitaron neste encontro, sete fixérono para pedir que se colocasen entre Santa Margarita e a UNED durante a reurbanización do viario.
"Esta rúa é un perigo total e absoluto", afirmou unha veciña, referendada por outra muller que sinalou que é "inviable" que Os Campos quede sen lombos tras a reforma porque "se os coches pasan agora lanzados, coa estrada ben será para botarse a tremer". A maioría coincidiu en que "queremos lombos e punto", como dixo outro residente, "porque a xente sáltase os semáforos e as direccións prohibidas".
Ademais, lembraron como hai seis anos unha veciña faleceu atropelada nesa zona "e se houbese lombos, probablemente seguiría viva", sinalaron os defensores destas barreiras para os condutores. Iso si, entenden que os que se instalen en Os Campos deben de ser "apropiados" en canto ao seu tamaño e pendente e urxen que a obras de inicien de forma inmediata "porque levamos moito tempo esperando".
Tamén houbo voces, por suposto, que reclamaron que en lugar de lombos se opte por outras solucións como semáforos ou radares, pensando nos que "temos problemas de cadeira" como sinalou unha das veciñas, outro asistente que criticou que con tantos badéns na cidade "é máis fácil andar polo medio da Fracha que polo centro de Pontevedra" ou un terceiro que lamentou que se vaia a incumprir o acordo plenario e se traslade este debate á rúa.
Todo iso foi despois de que Luís Bará, como concelleiro de Mobilidade, detallase o proxecto que se executará e que, segundo sinalou, foi redactado polos técnicos municipais respectando a normativa vixente nesta materia. Ademais da notable mellora na accesibilidade e a seguridade viaria que se rexistrará en Os Campos coas novas beirarrúas e a rotonda prevista nas inmediacións da UNED, explicou que se instalarán seis pasos de peóns elevados.
"Non están para fastidiar a ninguén, senón para salvar vidas", explicou o edil do BNG, quen se mostrou aberto á posibilidade de "revisar e correxir" aqueles lombos que sexan considerados excesivos. Pero, en todo caso, reiterou que se executará o proxecto "tal e como está feito" e afirmou que o goberno municipal está "disposto" a incumprir o acordo plenario impulsado pola oposición "porque non é vinculante".
Na reunión, celebrada no antigo colexio de Os Campos, tamén fixeron uso da palabra os portavoces dos partidos da oposición, salvo Marea que optou por non asistir. Así, María Rei (Ciudadanos) lamentou que se creara unha "guerra entre vecinos" e avogou por un consenso nas características dos lombos; mentres que José Luís Martín (PP) reiterou que en Pontevedra non se cumpren as normativas respecto diso e pediu aos veciños "que no se dejen manipular", unha expresión que non gustou aos asistentes.
Ademais, desde as filas do PSdeG-PSOE, Agustín Fernández fixo fincapé na necesidade de que haxa vías sanitarias nas que se supriman ou se rebaixen os lombos existentes "porque tamén se salvan vidas se unha ambulancia tarda en chegar a Montecelo seis minutos e non once". Nesta cuestión tamén incidiu José Iglesias, portavoz dos técnicos sanitarios, que afirmou que este viario "é un perigo, pero tamén o é poñer barreiras aos pacientes".
A xornada transcorreu baixo un ton de cordialidade, pero ao seu remate produciuse un desagradable incidente cando o portavoz dos veciños de Moldes (Mourente), Eulogio Sartier, recriminou a Luís Bará que non lle permitise falar durante a asemblea ao non ser residente en Os Campos. Ambos foron separados para evitar que a discusión entre os dous fose a maiores.
Relacionadas:
-
Os Campos convértese en "unha entrada digna" a Monte Porreiro
Por Diego Espiño |
-
O PP quere "cortar la sangría" de lombos regulándoos segundo a normativa de Fomento
Por Oskar Viéitez |
-
Todo listo para que o xoves comecen as obras nos Campos
Por Redacción |
-
O PSOE pide "coherencia" a Bará e que se reúna cos veciños de Moldes para falar dos lombos
Por Redacción |
-
O Concello alerta de que se detectan vehículos circulando a 120 km/h polos Campos
Por Redacción |
-
O PP aclara que "estamos a favor" dos lombos, incluso en vías sanitarias, se son "legales"
Por Alejandro Espiño |
-
Luís Bará non quere que a súa reunión cos veciños de Monte Porreiro se converta noutro pleno
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |