Familiares de vítimas de atropelos farán pedagoxía social sobre a necesidade do uso dos lombos
Por Redacción
O concelleiro de mobilidade urbana, Luís Bará, é contundente ao interpretar que o acordo plenario no que a oposición votou pola supresión de lombos nos accesos a Montecelo non é vinculante porque, segundo o edil, hai unha acción de goberno apoiada por informes técnicos. E neste sentido, Bará quixo explicar que manterán reunións veciñais para consultar caso por caso se queren eliminar estes pasos elevados.
Segundo o responsable de mobilidade urbana, a iniciativa da oposición obriga a eliminar lombos en puntos moi sensibles como o situado a vinte metros do Colexio Marcos da Portela nun viario de moito tráfico de acceso a Montecelo no que se atopa en funcionamento o "camiño escolar" con participación de numerosos alumnos. O mesmo sucede, segundo o concelleiro, nos Campos, onde o martes 29 representantes do goberno local manterán unha reunión cos veciños e afectados.
"Explicaremos paso de peóns a paso de peóns e queremos falar tamén con familiares dás vítimas de persoas que morreron por accidentes de coche. Estamos falando de lombos que salvan vidas e non que queiran molestar a ninguén. Demostrouse que é o único sistema eficaz para evitar accidentes graves", indicou Bará que entende que o acordo plenario ten como obxectivo ir contra o modelo de cidade e de seguridade viaria.
En relación coas conversacións con familiares de vítimas, Bará apuntou que tentan facer pedagoxía social e destacou que mantiveran unha reunión con comerciantes dunha rúa na que un asistente indicou que a súa irmá estaría viva se, no seu momento, nun paso de peóns da rúa Juan Bautista Andrade instalouse un lombo. O concelleiro afirmou que entre 1997 e 2006 rexistráronse 16 mortos por atropelo no municipio. Unha cifra que se rebaixou a tres falecidos entre 2006 e 2012. No últimos tres anos non se produciron mortes por atropelo no Concello pontevedrés, unha situación que o representante do goberno local relaciona directamente coa instalación dos pasos elevados.
Por outra banda, Bará engadiu que en Pontevedra están a facerse os lombos máis suaves do que permite a lexislación xa que Fomento propón ramplas do 10% e no municipio están a instalarse cun 6% de inclinación. Insistiu en que o goberno local ha rebaixado xa algúns que tiñan trazados máis duros como en Fernández Ladreda, na avenida de Lugo ou na avenida da Estación.
PP E PSOE PIDEN ESTAR NAS REUNIÓNS VECIÑAIS
Ao fío desta nova postura do BNG con respecto aos lombos, desde o Partido Popular e o PSdeG-PSOE piden estar presentes nos devanditos encontros veciñais. Os populares solicítano nun escrito dirixido á Alcaldía, mentres que os socialistas presentaron unha petición formal no rexistro do Concello. Ambos coinciden en que deben estar nesas reunións para que non se terxiversen" os seus respectivos posicionamentos.
O edil popular César Abal afirmou que o seu partido quere ter voz nesas asembleas cos veciños "para explicar a nosa postura directamente e evitar que outros poidan facer interpretacións interesadas do acordo plenario". Asegura ter "dúbidas" de que Luís Bará entendese o aprobado no Pleno "polo que nos ofrecemos a colaborar con el explicándollo aos veciños".
Pola súa banda, o portavoz socialista Agustín Fernández solicita que eses encontros sexan abertos a todos os veciños das zonas onde se pretenden retirar os lombos e que se convide formalmente ao PSdeG-PSOE como proponente da moción debatida no Pleno e a representantes da asociación de técnicos sanitarios que os veciños "teñan todos os elementos para valorar a proposta".
En todo caso, Agustín Fernández cre que esta estratexia do BNG é un "ataque á democracia" e entende que demostra a "soidade e debilidade" dun alcalde "que non é capaz de acordar nada cos representantes dos veciños elixidos democraticamente". Ademais, sinala que a actitude "intransixente" de Fernández Lores "é o que atenta contra o modelo de cidade", ao desprezar, entre outros, "aos miles de enfermos que se trasladan a Montecelo".
Relacionadas:
-
Luís Bará non quere que a súa reunión cos veciños de Monte Porreiro se converta noutro pleno
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG, disposto a preguntar barrio por barrio se os veciños queren retirar os lombos
Por Redacción |
-
O PP elaborará unha ordenanza que regule as características dos lombos
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Todos perderon plumas, no Pleno máis longo do ano
Por Oskar Viéitez |