Dimisións e un Pleno imprevisto nunha 'desestabilizada' Cámara de Comercio
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Cámara de Comercio de Pontevedra leva tres anos sumida nunha situación de inestabilidade, horas baixas nas que hai abertos ata tres procesos xudiciais sobre o seu funcionamento e se deu a coñecer un demoledor informe do Consello de Contas crítica coa súa xestión. Nese contexto, xurdiu un novo foco desestabilizador: dimisións no seo do Pleno cameral. Nas últimas semanas producíronse dimisións, das que PontevedraViva tan só logrou poñer nome a unha: a de Víctor Nogueira.
O empresario presentou o pasado 10 de marzo un rexistro por escrito no que renunciaba ao seu posto como vogal e tamén a que o grupo Nogal ao que el representa siga representado no Pleno. El encóntrase de viaxe en América, pero o seu irmán, Agustín Nogueira, confirmou a este xornal que a dimisión se debe a "motivos persoales" e descarta abordar máis detalles sobre o asunto.
A dimisión sacudiu os alicerces do organismo e levou á convocatoria dun Pleno o próximo miécoles 25 de marzo no que se abordarán, entre outros puntos, as dimisións producidas nos últimos días. Fontes consultadas apuntan a que puideron rexistrarse ata tres, pero o dato non puido confirmarse. Este mércores, PontevedraViva intentou contrastar a información co presidente da Cámara, Eduardo Barros, pero este respondeu que "hoxe non toca".
O Pleno do ente cameral do próximo mércores tamén inclúe na orde do día un asunto que se repetiu nas tres últimas reunións, a aprobación das contas anuais de 2013, que foron sometidas a auditoría e aprobadas polo comité executivo, pero aínda non están aprobadas en Pleno. Ao longo do ano 2014 intentáronse aprobar en tres sesións diferentes, pero en todas tivo que aprazarse por falta de quórum.
Ademais, a sesión plenaria incluirá asuntos de trámite, outros debates sobre o futuro do organismo na provincia e a ratificación de Eduardo Barros como vogal no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra en representación da Cámara de Comercio. Ata agora o vogal era Víctor Nogueira, pero o comitè executivo decidiu nomear o actual presidente.
Relacionadas:
-
Barros, de presidente en Pontevedra a vicepresidente da nova Cámara de Comercio integrada
Por Natalia Puga |
-
A renuncia de dous empresarios de Pontevedra obriga a buscar vocais para a nova Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Desbloquean o proceso xudicial por presuntos cobros irregulares contra a secretaria da Cámara
Por Natalia Puga |
-
Acordo para a fusión das Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |
-
O Consello de Contas detecta irregularidades da Cámara de Comercio na xestión de Pomovil e Ferpalia
Por Natalia Puga |
-
A Cámara de Comercio apraza por terceira vez a aprobación das súas contas anuais por falta de quórum
Por Natalia Puga |
-
A Cámara de Comercio falla no segundo intento de aprobar as súas contas anuais por falta de quórum
Por Natalia Puga |