A Cámara de Comercio falla no segundo intento de aprobar as súas contas anuais por falta de quórum
Por Natalia Puga
Segundo intento e segundo fallo. A Cámara de Comercio de Pontevedra intentou aprobar en Pleno as súas contas anuais de 2013 no mes de maio e non puido por falta de quórum. Este luns houbo unha nova convocatoria, a última posible, e tampouco se reuniu o número de vogais suficiente para poder votar e aprobar o documento. O resultado é que o balance do último exercicio será remitido á Xunta de Galicia sen pasar o trámite.
O propio presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, recoñeceu a PontevedraViva que non houbo quórum abondo ao acudir doce vogais dos trece necesarios para aprobar as contas. O documento xa fora aprobado previamente polo Comité Executivo da Cámara e, tras ese trámite, era necesario aprobalo en Pleno, pero non foi posible.
As contas xa pasaran tamén polo auditor, que este ano tivo que ser diferente ao de exercicios anteriores despois de que todas as cámaras de Galicia pasasen por unha inspección do Consello Galego de Contas.
Tras a falta de quórum de maio convocárase un novo Pleno para intentar reunir os vogais suficientes, pero tras o sucedido este luns 30 de xuño xa non hai tempo para unha nova convocatoria, pois se esgotan os prazos para render contas ante a Administración autonómica.
Presentaranse de todos os xeitos á Xunta de Galicia e, segundo o presidente da entidade cameral, agora seguirán os trámites normais e a situación non terá consecuencias no funcionamento habitual da Cámara.
Na orde do día do Pleno había, ademais da aprobación das contas, un informe de Presidencia de Cámara.
Relacionadas:
-
A renuncia de dous empresarios de Pontevedra obriga a buscar vocais para a nova Cámara de Comercio
Por Natalia Puga |
-
Dimisións e un Pleno imprevisto nunha 'desestabilizada' Cámara de Comercio
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Cámara de Comercio apraza por terceira vez a aprobación das súas contas anuais por falta de quórum
Por Natalia Puga |
-
A Cámara de Comercio pecha 2012 cun balance negativo de case 360.000 euros
Por Redacción |