A Cámara de Comercio pecha 2012 cun balance negativo de case 360.000 euros
Por Redacción
O Pleno da Cámara de Comercio aprobou onte á noite, por maioría, as contas e a liquidación do orzamento de 2012. Trátase do exercicio económico que foi posto en dúbida tanto polas denuncias xudiciais dos extraballadores como por Alternativa Galega de Esquerdas que presentou no Parlamento unha serie de iniciativas para esixir á Xunta de Galicia un maior control sobre as súas actividades económicas.
As contas, que viñan acompañadas por un informe de auditoría, segundo recoñece a Cámara de Comercio nun comunicado, reflicten un balance negativo de case 360.000 euros. A liquidación de orzamento recolle uns ingresos totais realizados en 2012 de 633.827,97 euros, o que supón unha redución con respecto ao ano anterior dun 64,40% e uns gastos executados de 991.743,00 euros o que supón unha redución do 28,60% con respecto ao 2011.
Este desfase é achacado polos responsables da institución, principalmente, a que no ano pasado tan só pagaron o recurso cameral permanente, unha especie de canon que ata hai pouco pagaban todas as empresas, as compañías cuxa cifra de negocio superaba os 10 millóns de euros, o que supuxo unha importante rebaixa deste ingreso. Os recursos non permanentes no exercicio 2012 supoñen o 67,76% do total e os permanentes o 32,24%.
Ademais, o anteproyecto de Lei de Cámaras que prepara o Goberno foi outro dos asuntos tratados nesta sesión plenaria de carácter ordinario. O pleno da Cámara entende que o pasado día 10, o Consello de Ministros aprobou o anteproyecto de Lei de Cámaras de Comercio, que aínda que reafirma o seu carácter público e asígnalle 21 funcións públicas non determina de forma clara o seu sistema de financiamento.
Chama a atención, segundo o Pleno da entidade, que unha corporación de dereito público con funcións determinadas por Lei non teña prevista un financiamento "que garanta polo menos o cumprimento das mesmas".
O anteproyecto fixa un sistema de ingresos baseado nos servizos que presten ás empresas e nas achegas voluntarias destas, o que a priori "non parece suficiente para cumprir as obrigacións que doutra banda marca a normativa xeral". Entre as funcións destaca o apoio á internacionalización das PEMES de forma máis activa, a formación profesional dual, a competitividade das empresas e a mediación e a arbitraxe.