San Antoniño e Barcelos, primeiras zonas de actuación do programa +Boavila
Por Alejandro Espiño
Trasladar as propostas de actuación pensadas polo goberno municipal e recoller as inquedanzas e peticións dos veciños. ÿ o obxectivo da reunión que os concelleiros Carmen Fouces, Luis Bará e Anxos Riveiro manterán o próximo mércores 10 de setembro con veciños de Barcelos e San Antoniño. Son as dúas primeiras zonas da cidade nas que comezará a aplicar o programa +Boavila.
Os edís recordaron que o obxectivo de +Boavila é actuar en espazos públicos e bens privados "máis alá de pavimento e alumeado", afirmou Carmen Fouces. Se trata de afrontar cuestións estéticas e que promovan a convivencia cidadá, arranxando espazos que van quedando abandonados ou se van deteriorando co paso do tempo, así como detalles que "non deixar lucir ben ás grandes actuacións".
Luis Bará explicou que se optou porque San Antoniño fose o primeiro barrio porque tras unha reforma urbana integral realizada hai xa oito anos "necesita unha posta a punto". Entre outras cuestións, o goberno municipal opta por arranxar o pavimento en mal estado, renovar o mobiliario urbano, mellorar a iluminación ou actuar sobre un soar que está abandonado. En definitiva, dixo, "darlle cor e alegría ao barrio".
Pola súa banda, na praza de Barcelos, segundo Anxos Riveiro, analizaranse as posibilidades de ampliar o parque de xogos infantil, " o máis utilizado da cidade", ao recibir varias peticións por parte da cidadanía. Ademais, planéanse melloras estéticas na propia praza e darlle unha solución definitiva o quiosco que está situado no espazo central.
Seguindo o exemplo da ponte sobre Eduardo Pondal, buscaranse espazos nos que apostar por unha intervención artística que faga máis atractivas ambas as dúas zonas, sempre buscando a participación e colaboración de veciños e asociacións do barrio porque, segundo Fouces, con este programa se busca tamén que todos eles sexan "corresponsables" do coidado do seu ámbito máis próximo.
A reunión celebrarase ás 20.00 horas nas inmediacións do quiosco de Barcelos, xa que se o tempo o permite, o Concello de Pontevedra quere que estes encontros cos veciños se realicen ao aire libre, para que sexan máis cidadáns os que acudan a presentar as súas propostas, "xa que ao vivir no barrio poden ver cousas que nós non vemos", insistiu Luis Bará.
A intención do goberno municipal é percorrer todos os barrios da cidade neste último trimestre do ano. Os seguintes serán o ámbito da desembocadura do Gafos, Mollabao, Alfonso XIII-Echegaray, O Burgo e Ernesto Caballero-O Castañal.
Relacionadas:
-
As obras do programa '+Boavila' chegan ao barrio de San Antoniño
Por Redacción |
-
Unha nova pel 'vexetal' para o quiosco da praza de Barcelos
Por Alejandro Espiño |
-
Feísmo a golpe de cartel
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de San Roque ansían a inclusión do seu barrio no plan "+Boavila"
Por Redacción |
-
Veciños de Barcelos e San Antoniño coñecen as propostas de +Boavila para o seu barrio
Por Redacción |
-
+Boavila, un proxecto para acabar co feísmo e mellorar a calidade urbana e a convivencia nos barrios
Por Alejandro Espiño |
-
Os cidadáns deixan a súa pegada en Eduardo Pondal
Por Mónica Patxot |