+Boavila, un proxecto para acabar co feísmo e mellorar a calidade urbana e a convivencia nos barrios
Por Alejandro Espiño
Tres concelleiros, Carmen Fouces, Luis Bará e Anxos Riveiro, xuntan esforzos para coordinar diferentes actuacións que se afrontarán a partir de setembro nos barrios da cidade. Farano a través dun programa +Boavila, unha iniciativa destinada a actuar sobre espazos públicos e bens privados co obxectivo de mellorar a calidade urbana e estética do municipio e permitir unha maior convivencia cidadá.
Así o destacou Carmen Fouces na presentación deste proxecto que pretende "enxalzar e mimar o concepto do goberno dos pequenos detalles". A edil de Benestar Social destacou que despois da "gran transformación urbana" que sufriu a cidade nos últimos anos agora se necesita "un mimo e unha atención especial" a esas pequenas cousas que contribúen "a dar un plus de calidade" ao modelo de cidade do goberno municipal.
Programaranse actuacións en todos os barrios da cidade. Algunhas deficiencias e necesidades xa foron identificadas polo Concello de Pontevedra, pero +Boavila quere contar, segundo Fouces, coa participación cidadá. Preténdese abrir unha canle de "comunicación permanente" con asociacións de veciños e colectivos sociais para que sexan eles os que acheguen propostas e establezan as súas prioridades.
"Necesitamos a súa corresponsabilidade", explicaron os tres concelleiros en rolda de prensa, de forma que aumente a súa "querencia" polo seu barrio. Neste sentido, Carmen Fouces avanzou que se manterán reunións periódicas en cada área para analizar estas necesidades, pero tamén haberá un formulario a disposición de calquera interesado. Poderase cubrir na Casa Consistorial da Praza de España e, proximamente, tamén a través da Internet.
ACTUACIÿNS EN VIAS E ESPAZOS PÿBLICOS
O traballo da concellaría que dirixe Luis Bará centrarase en mellorar viais e espazos públicos coa renovación de pavimento, beirarrúas, ou sinalización horizontal, moi deteriorados en diferentes zonas da cidade; así como cun maior coidado co mobiliario urbano, retirando paneis publicitarios en situación irregular ou identificacións das obras "que foron quedando atrás" e a renovación de bancos, papeleiras ou quioscos.
Pero sen dúbida, a súa intervención máis ambiciosa é a referida aos edificios e predios de titularidade pública e privada. Negociarase cos seus propietarios para afrontar actuacións conxuntas que permitan acabar co seu estado de abandono. Citou, entre outros, os casos dunha parcela situada detrás de Santa María, os inmobles abandonados en César Boente, o terreo de Fomento en Orillamar ou as vellas sedes da Xunta de Galicia e a Garda Civil.
XARDÍNS E INTERVENCIÿNS CULTURAIS
Pola súa banda, Anxos Riveiro, concelleira de Medio Ambiente Natural, informou das actuacións que se pretender levar á cabo en parques e xardíns. En liñas xerais, quérese actuar en todas as zonas verdes da cidade para "poñelas máis bonitas" e afrontar un profundo redeseño destas porque como consecuencia do paso do tempo e do seu elevado uso se require nelas, explicou, unha actuación máis ampla.
Ademais, acondicionaranse pequenos espazos "que foron quedando" nos barrios tras diferentes intervencións nesas zonas, ampliaranse parques infantís en zonas de gran carga poboacional, melloraranse as gabias de todo o ámbito urbano ou revisarase que os soportes que están repartidos pola cidade estean no seu mellor estado de conservación. Todos eles "pequenos detalles que nos fan estar enriba destas zonas".
Dende o departamento de Cultura apostarase por recuperar a luz" de espazos urbanos que actualmente son "escuros", explicou a edil nacionalista. Neste sentido enmárcase a proposta Vieiros de Luz que se inaugurou con éxito en Eduardo Pondal. Aposta, segundo Riveiro, por "coller paredes da cidade e embellecelas", facéndoo de forma participativa cos veciños e asociacións de cada un dos barrios nos que se actúe.
O Concello de Pontevedra espera estender esta iniciativa a outros espazos da cidade e que sexan os colectivos veciñais os que escollan o deseño do mural e colaboren activamente nestas actividades. Por agora centrarase en espazos públicos, pero intentarase chegar a acordos con entidades e propietarios de inmobles privados para que muros e medianeiras de toda a cidade poidan embelecerse "entre todos".
Relacionadas:
-
Comeza a retirada de paneis de obra e ultiman susbtituir as 'cuchillas' na ponte das Correntes
Por Redacción |
-
Feísmo a golpe de cartel
Por Oskar Viéitez |
-
Os veciños de San Roque ansían a inclusión do seu barrio no plan "+Boavila"
Por Redacción |
-
Os novos quioscos da Ferrería serán dous cilindros de metal
Por Oskar Viéitez |
-
Veciños de Barcelos e San Antoniño coñecen as propostas de +Boavila para o seu barrio
Por Redacción |
-
San Antoniño e Barcelos, primeiras zonas de actuación do programa +Boavila
Por Alejandro Espiño |
-
Os cidadáns deixan a súa pegada en Eduardo Pondal
Por Mónica Patxot |
-
A rúa César Boente languidece entre as ruínas e a burocracia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |