Unha nova pel 'vexetal' para o quiosco da praza de Barcelos
Por Alejandro Espiño
O quiosco da Praza de Barcelos será un reflexo da flora presente en todo este ámbito. Sobre esa temática xirará a intervención artística que, no marco do proxecto +Boavila, se levará a cabo en todo o seu perímetro. Esta actuación, presentada este martes polos concelleiros Anxos Riveiro e Luis Bará, pretende embelecer este establecemento, situado no centro da praza e que se encontra actualmente en estado de abandono.
Coa botánica como inspiración, o quiosco terá unha segunda vida "chea de cor", segundo as responsables desta intervención, Rocío Gómez Juncal e Ana Seoane, responsables de Portal 48. Nel, pintaranse uns murais onde se verá representada a flora que hai na praza de Barcelos, un ámbito "rodeado de prantas e árbores de tamaño considerable", apuntou a concelleira de Medio Ambiente, Anxos Riveiro.
Ademais de mellorar a imaxe do quiosco, esta iniciativa busca implicar os veciños e, sobre todo, os escolares do colexio de Barcelos "para que os nenos sintan o espazo como propio, o coiden e formen parte del", explicou Luis Bará. Así, 43 escolares de sexto de Primaria colaborarán con esta iniciativa a través dun obradoiro denominado "O meu primeiro caderno bótanico", que incluirá traballos en clase e na propia praza.
Esta actividade, que coincidirá no tempo co pintado do mural, desenvolverase entre o xoves e o próximo luns, día no que o quiosco estreará o seu novo aspecto. Os alumnos do CEIP Barcelos aprenderán conceptos relacionados coas plantas e as flores desta zona da cidade e ilustrarán o seu propio caderno botánico, buscando promover a súa curiosidade e o seu interese pola investigación científica.
OUTRAS ACTUACIÿNS
No ámbito de Barcelos, o Concello de Pontevedra prevé mellorar tamén o pavimento das vías perimetrales de toda a praza e renovar parte do seu mobiliario. Ademais, preténdese implicar os veciños no limpamento de vellos solares e paredes abandonados. Para o próximo ano preténdese ampliar a zona destinada a parque infantil e poder contar cun maior espazo para as áreas de xogo.
Estas actuacións, ao igual que as que se levarán a cabo en San Antoniño máis centradas na renovación de pavimento, beirarrúas, iluminación ou mobiliario urbano, serán presentadas aos veciños durante unha reunión que se celebrará este mércores, a partir das 20.30 horas, no colexio de Barcelos.