Remata sen éxito a quinta xornada de busca dos dous desaparecidos no naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Redacción
Salvamento Marítimo deu por concluída sen éxito este sábado a quinta xornada de busca dos dous mariñeiros desaparecidos tras o afundimento do pesqueiro 'Mar de Marín' na madrugada do martes 1 de abril.
Tras o choque entre o mercante 'Baltic Breeze' e o pesqueiro 'Mar de Marín' púxose en marcha un operativo de busca que este sábado tivo dúas vertentes: a superficie e o ámbito do pecio, que se encontra a uns 57 metros de profundidade a 1,4 millas ao sureste do illote de Boeiro, ao sur das Illas Cíes.
En relación coa busca en superficie, este sábado tan só puideron mobilizarse medios marítimos. Segundo informou Salvamento Marítimo, a "escasa visibilidade" non permitiu realizar o rastrexo aéreo que se mantivo días anteriores e as embarcacións de Salvamento, da Xunta e da Garda Civil centráronse no ámbito das Illas Cíes e as rías de Arousa e Pontevedra.
En canto á busca submarina, na tarde deste sábado seis mergulladores de Salvamento Marítimo realizaron unha inmersión ata 45 metros de profundidade, pero non lograron achegarse ao pecio do 'Mar de Marín'.
Segundo explicou Salvamento, a escasa visibilidade e as redes e os cabos que rodean o buque afundido dificultan a aproximación ao pecio. Os mergulladores descenderon auxiliados polo buque especial de operacións 'Sar Gavia'.
O buque mercante 'Baltic Breeze' contra o que colisionar o 'Mar de Marín' antes de afundirse permanece atracado no porto de Vigo, pero este venres recibiu autorización de Capitanía Marítima para saír. Está a realizar as operacións necesarias para a súa partida en dirección a Alxeria. Previamente deberá embarcar os coches que viña a recoller a Vigo o 1 de abril, pero que non puido realizar aínda porque ata agora estivo a ser reparado e inspeccionado polos investigadores que indagan sobre as causas e circunstancias do sinistro.
Relacionadas:
-
Arquivan a causa xudicial polo naufraxio do 'Mar de Marín'
Por Natalia Puga |
-
Recuperado un cadáver no pecio do Mar de Marín
Por Redacción |
-
Salvamento pospón ata finais de semana a busca submarina no pecio do 'Mar de Marín'
Por Redacción |
-
Tercer día de busca dos desaparecidos do 'Mar de Marín'
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Salvamento Marítimo amplía ata a ría de Arousa a busca dos dous mariñeiros do 'Mar de Marín' desaparecidos
Por Redacción | Creada e actualizada
-
"Todo fue muy rápido", aseguran os sobreviventes do afundimento do pesqueiro 'Mar de Marín'
Por Redacción |